O Plan Único da Deputación inviste máis de 488.000 € en Neda en 2026

 

A deputada de Plans Provinciais, Cristina García Rey, visitou o municipio, acompañada do alcalde e parte da corporación municipal | Deputación da Coruña

A deputada de Plans Provinciais, Cristina García Rey, visitou este mércores as obras da Casa da Cultura de Neda, onde mantivo un encontro co alcalde, Ángel Alvariño, e con integrantes da corporación municipal para abordar os investimentos impulsados no municipio grazas ao Plan Único da Deputación. A propia Casa da Cultura está sendo reformada para mellorar a eficiencia enerxética grazas aos fondos provinciais.

Durante a visita, García Rey destacou que o concello de Neda dispón este ano de 488.582,31 euros procedentes do Plan Único, un programa que dota aos concellos de recursos para desenvolver actuacións prioritarias en función das súas necesidades e da planificación realizada por cada goberno local.

A deputada lembrou tamén o compromiso sostido da Deputación coa financiación municipal, subliñando que Neda recibiu un total de 3.636.922,42 euros a través do Plan Único desde a súa posta en marcha no ano 2017. «Estamos diante dun instrumento que achega estabilidade aos concellos e lles permite executar investimentos e mellorar os servizos públicos con plena autonomía para decidir o destino dos fondos», sinalou.

García Rey incidiu en que o Plan Único continúa a ser unha das principais ferramentas de cooperación entre a Deputación e os concellos da provincia, ao garantir un reparto baseado en criterios obxectivos e facilitar que os gobernos locais poidan atender as demandas da veciñanza mediante actuacións adaptadas á realidade de cada municipio “a diferenza doutras administracións como a Xunta de Galicia, que continúa sen aplicar criterios obxectivos nin transparentes na distribución de determinados fondos destinados aos concellos», afirmou a deputada.

A deputada de Plans Provinciais, Cristina García Rey visitou as obras da Casa da Cultura acompañada do alcalde e parte da corporación municipal. | Deputación da Coruña

Na reunión celebrada na Casa da Cultura, a deputada e os representantes municipais intercambiaron impresións sobre as necesidades do concello e o impacto que este modelo de financiamento ten no desenvolvemento de proxectos e na mellora das infraestruturas e dos servizos municipais.

Lea también

Festas en Bardaos San Sadurniño e ciclo de cine ao aire libre

Bardaos celebra as festas na honra de Santa María… e a celebración do 30º aniversario …