O Jazz de Ría abre a súa 10ª edición en Cedeira co apoio da Deputación

San Antón de Corveiro, en Cedeira, é un dos lugares con maior tempo de totalidade para observar a eclipse, un fenómeno que marcará o arranque da programación do décimo aniversario.

| Fuente Festival Jazz de Ría

A décima edición do festival Jazz de Ría arrancará o mércores 12 de agosto coincidindo coa eclipse, un acontecemento astronómico histórico que poderá contemplarse desde o miradoiro de San Antón de Corveiro, en Cedeira, un dos puntos da costa galega que ofrecerá un maior tempo de totalidade, con 1 minuto e 43 segundos de ocultación completa do Sol. Alí abrirase o programa do festival cunha sesión inaugural excepcional preparada para celebrar co público este fenómeno histórico que enmarca a apertura do 10º aniversario do festival.

Para facilitar o acceso e preservar este espazo natural, a chegada ao miradoiro realizarase exclusivamente a pé ou mediante os autobuses lanzadeira gratuítos habilitados polo festival. Os vehículos sairán ás 18.30 horas desde o Paseo Arriba da Ponte, no centro de Cedeira, e realizarán tamén o servizo de regreso ao remate do concerto de Xabier Díaz.

Ademais, a organización repartirá gafas homologadas para a observación segura da eclipse, permitindo que o público poida vivir este fenómeno con todas as garantías.

A experiencia comezará ás 19.00 horas cunha sesión especial creada por DJMIL especificamente para acompañar este momento único. A música irá evolucionando ao ritmo da luz ata o instante da totalidade, convertendo a eclipse nunha experiencia inmersiva na que paisaxe, astronomía e creación sonora dialogarán dun xeito dificilmente repetible.

Xabier Diaz | Festival Jazz de Ría

Poucos minutos despois de recuperarse a luz, será a quenda de Xabier Díaz, protagonista do concerto inaugural dunha edición moi especial para o festival, que celebra o seu décimo aniversario cun programa inspirado no centenario do nacemento de Miles Davis e na sorprendente historia que conecta ao xenio do jazz co son do chifro do afiador ourensán José María Rodríguez e coa música tradicional galega.

A organización recomenda ao público empregar o transporte habilitado e acudir con suficiente antelación, xa que se prevé unha elevada asistencia motivada pola coincidencia entre dous acontecementos excepcionais: a apertura do festival e unha das eclipses máis relevantes das últimas décadas.

Tras esta inauguración en Cedeira, o Jazz de Ría continuará o seu percorrido itinerante por Valdoviño, Narón e Neda cunha programación que reúne artistas procedentes de Cuba, Arxentina, Perú, Palestina, Irlanda, Estados Unidos e Galicia, consolidando a edición máis internacional da historia do festival.

 

Lea también

Ares acoge este sábado 12 una jornada de degustación de productos de la ría de Ferrol

La atividad, organizada por la Cofradía de Pescadores de Ferrol, tendrá lugar de 12:00 a …