Cedeira celebra a fin de semana a Festa do Percebe e o Festival Discalzos

Xunto co evento gastronómico e a cita musical sucédense nos vindeiros días máis festas patronais, atraccións e actividades culturais e deportivas.

Festa do percebe de Cedeira. Fot. archivo

A Confraría de Pescadores de Cedeira organiza un ano máis co apoio do Concello a súa Festa do Percebe, o evento gastronómico do verán que cada ano reúne a centos de persoas arredor dun manxar sempre moi cotizado, polo sabor e pola dificultade que leva aparellado arrancalo das rochas. Ata o venres non se poderá fixar o prezo da ración, que o ano pasado estivo en 20€, pero o pósito vai encomendarse nestes días a comprar máis de 500 quilos da mellor calidade, co compromiso de vendelo na festa ao prezo máis axustado posible.

A gran carpa que a Confraría de Cedeira instalará no peirao para a XXIII Festa do Percebe abrirá as portas e a billeteira, tanto o sábado como o domingo, de 12.00 a 17.00 horas. O público poderá degustar percebe -as racións son abundantes, duns 300 gramos-, así como polbo á feiraprepararanse uns 600 quilos e a ración custará 18€, igual que o pasado ano- e empanada a 6€ – neste caso, cada ración terá dous trozos, un de empanada de liscos e outro de empanada de bonito-. Tamén haberá bebidas e pan á venda. O Concello de Cedeira disporá un tren turístico, como en anos anteriores, que funcionará durante todo o horario da festa e realizará viaxes gratuítos desde a praza de Galicia ata o peirao.

Moi preto da Festa do Percebe, na praia de Area Longa, haberá festa acuática o domingo, de 16.30 a 19.00 horas, con inchables e kayaks a disposición de pequenos e maiores.

Festa do percebe de Cedeira. Fot. archivo

Este primeiro fin de semana de agosto chega cun feixe de actividades en Cedeira. O atractivo musical estará no Festival Discalzos, que este ano cambia o escenario, da praza da Revolta á de Floreal. É un espazo máis pequeño, que vai acentuar o carácter familiar deste evento musical no que cada ano se xuntan grupos de diferentes estilos e moi bo ambiente.

O programa do festival desenvolverase o sábado 1 e o domingo 2 e ofrecerá tanto música como actuacións e xogos para a cativada. Así, a ludoteca Brincadeira desenvolverá xogos para nenos e nenas o sábado a partir das 20.00h e dará paso á actuación dun paiaso, arredor das 20.30 horas . A Banda de Música Vila de Cedeira, unha formación versátil que inclúe no seu repertorio diferentes clásicos do rock, abrirá o programa de concertos a continuación, ás 21.00 horas . Ás 23.00 horas comezará a actuación de Prieto Picado, ás 00.30 horas tocaralle subir ao escenario a Nito Serrano y Lapurasangre e ás 02.00 horas tocará Vimbio, o último grupo da noite.

Ao día seguinte, o domingo 2, haberá unha sesión vermú coa actuación do grupo Koi e os gruposlocais Roupa Vella e Os Benignos. A sesión comezará ás 13.30 e prolongarase ata que o público e os músicos queiran.

Tamén haberá celebracións patronais en dúas parroquias.

Esteiro ten as festas de San Fiz, que comezarán xa este venres cunha sardiñada, a partir das 20.00 horas, e unha verbena nocturna. O sábado haberá misa solemne, ás 13.30 horas , e sesión vermú. A actividade nocturna comezará cunha queimada e verbena a partir das 22.30 horas e para o domingo quedará unha misa solemne, ás 13.45, e sesión vermú. E na Carballa, en Montoxo, conmemorarán ao seu patrón San Ignacio. O sábado haberá misa ás 13.30 horas, con procesión e posterior actuación da Rondalla Cedeira; sesión vermú e verbena nocturna. O programa pecharase o domingo cunha sesión vermú.

Xacemento arqueolóxico do Castro Sarridal-Fot. Archivo

Cómpre apuntar outras citas culturais e de lecer para este xoves e o venres. Tal como se informou ata o venres están en funcionamento os tobogáns xigantes na praza da Revolta, en horario de mañá e tarde -de 11.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas -.

Este mesmo xoves 30 de xullo desenvolverase unha visita comentada á escavación do xacemento arqueolóxico do Castro Sarridal. As persoas interesadas teñen que acudir ás 12.30 horas, sen necesidade de inscrición previa. O equipo de Axa Arqueoloxía, que está a desenvolver actualmente unha nova campaña de escavación, explicará a importancia dos achados.

Está en marcha, por outra banda, o ciclo de cine na rúa organizado no marco dos Orzamentos Participativos deste ano. O martes proxectouse “El 47” e este mesmo xoves, ás 22.00 horas  na praza da Revolta, pasarase “The Wild Robot”. Ao día seguinte, o venres, chega unha nova cita co ciclo de cine Mestre Mateo. O Auditorio Municipal acollerá ás 21.30 horas  a proxección, neste caso, do documental “Ao son da nova regueifa”, tamén con entrada de balde.

Antes, na tarde do mesmo venres, o Auditorio Municipal de Cedeira será o escenario da presentación do libro “Por que ninguén falou delas?”, escrito por Belén López Cillero e que analiza a traxectoria do “Patronato de protección a la mujer”, unha institución franquista que exerceu a represión sobre mulleres da clase obreira. A autora falará da súa investigación.

No eido deportivo, a praia da Madalena acolle un torneo de fútbol praia. Hai un total de 42 equipos inscritos, 21 de menores -nas categorías sub 15, sub 12 e sub 9- que xa están a disputar partidos estes días pola tarde, e outros 21 nas categorías senior masculino e feminino, que xogarán a partir do venres pola tarde, ata o domingo. A organización, que conta coa colaboración do Concello de Cedeira, prevé repartir 1.700€ en premios.

Lea también

El Centro de Interpretación del Caldoval cierra su programación especial de verano con ‘Noche de Estrellas’

El Centro de Interpretación del Caldoval cierra su programación especial de verano con la ya …