A Deputación da Coruña concede máis de 10M€ en axudas do PEL a 1.510 autónomos, microempresas e pemes

Valentín González Formoso destaca “estas axudas van directamente ás persoas que manteñen vivo o tecido económico dos concellos: autónomos, pequenas empresas e negocios familiares que crean emprego e fixan poboación”. O programa financia 504 contratacións, apoia a 730 autónomos nos seus gastos de Seguridade Social e alugueiro e impulsa investimentos en 276 empresas.

A Deputación da Coruña vén de resolver a concesión das axudas do Plan de Emprego Local (PEL) 2026, que este ano repartirán 10.036.501,39 euros entre 1.510 persoas autónomas, microempresas e pemes da provincia, especialmente dos concellos do rural.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, incidiu en que, dez anos despois da súa creación, “o PEL da Deputación da Coruña é o maior plan de emprego impulsado por unha administración local en Galicia” e conta con liñas específicas que se adaptan a cada sector “desde axudas para contratar persoal, comprar nova maquinaria ou pagar a cuota de autónomos ou o aluguer dun local. A forza do PEL está precisamente en adaptarse ás necesidades reais do tecido económico da provincia”, explicou.

Formoso incidiu en que “o emprego estable é a mellor política social e tamén a mellor política contra o despoboamento”. “Cando apoiamos unha contratación nun concello pequeno, estamos axudando a unha empresa, pero tamén estamos contribuíndo a que unha persoa poida desenvolver o seu proxecto de vida no lugar no que quere vivir”, afirmou.

O presidente explicou que o PEL “naceu precisamente para estar ao lado desa xente que emprende, que arrisca e que sostén a economía local. O que queremos é que quen ten un proxecto nun concello pequeno non se sinta só, que saiba que na Deputación estamos aí para botar unha man”, engadiu.

O Plan de Emprego Local articúlase este ano a través de catro liñas principais: PEL-Autónomos/as, PEL-Emprende Investimento, PEL-Pemes Creación e Ampliación do cadro de persoal e PEL-Pemes Mantemento do cadro de persoal.

Apoio para 730 autónomos

A liña PEL-Autónomos/as chegará este ano a 730 profesionais de concellos de menos de 10.000 habitantes, que recibirán 2.199.898,39 euros para sufragar gastos fixos da súa actividade. Como novidade, este ano a convocatoria incorpora tamén axudas para facer fronte ao alugueiro de oficinas, baixos comerciais ou centros de traballo, ademais do apoio habitual ao pagamento das cotas á Seguridade Social.

Os concellos con maior número de persoas beneficiarias nesta liña son Mazaricos, con 38 axudas concedidas; Santa Comba, con 35; Ortigueira, con 33; e Cedeira e Negreira, con 29 cada un. Por comarcas, a área de Santiago concentra 218 solicitudes concedidas, por importe de 660.286,39 euros, seguida da comarca da Coruña, con 163 axudas e 490.486,84 euros.

276 empresas reciben axudas para investimentos

A través de PEL-Emprende Investimento, a Deputación destinará máis de 2,75 millóns de euros á modernización de 276 microempresas, pemes e persoas autónomas de concellos de menos de 10.000 habitantes. Estas axudas cobren ata o 70% dos investimentos en aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario ou equipos vinculados directamente coa actividade empresarial, cun máximo de 17.500 euros por beneficiario.

Neste caso, As Pontes, con 18 empresas beneficiarias e 286.344,52 euros, e Monfero, con 16 empresas e 308.862,12 euros, son os concellos con maior número de solicitudes concedidas. Por comarcas, destaca Ferrol, con 91 axudas e 995.414,64 euros, seguida de Bergantiños, con 502.406,71 euros. Ademais, o 95% das entidades beneficiarias son profesionais autónomos e o 100% das empresas que reciben este ano estas axudas non foran beneficiarias en convocatorias anteriores.

Axudas para 504 contratacións

As axudas do PEL permitirán este ano financiar 504 contratacións. A liña PEL-Pemes Creación permitirá realizar 342 novas contratacións en empresas e negocios de concellos de menos de 20.000 habitantes. A Deputación achegará 3.494.674,18 euros para sufragar ata o 60% dos custos salariais e de Seguridade Social do novo persoal contratado.

Santa Comba, con 19 axudas por importe de 201.735,60 euros, é o concello con maior número de solicitudes concedidas nesta liña, seguido de Cee e Mazaricos, con 15 cada un. Por comarcas, a de Santiago de Compostela suma 114 solicitudes e 1.168.231,39 euros, e Bergantiños-Costa da Morte 87 empresas beneficiarias por importe de 885.518,80 euros.

A liña PEL-Pemes Mantemento do cadro de persoal permitirá manter durante un ano máis 162 contratos indefinidos realizados ao abeiro da convocatoria anterior. Neste caso, a Deputación destinará 1.582.227,94 euros a pemes e microempresas de concellos de menos de 20.000 habitantes.

As axudas poden acadar ata o 50% dos custos de contratación, cun máximo de 11.000 euros cando se trate de persoas pertencentes a colectivos vulnerables —mulleres, menores de 30 anos, maiores de 45, persoas con diversidade funcional ou persoas desempregadas de longa duración— e de 10.000 euros no resto dos casos. O 76,54% dos contratos subvencionados son a xornada completa e máis da metade, o 52,47%, corresponden a persoas pertencentes a algún colectivo vulnerable.

Dende a súa posta en marcha, o Plan de Emprego Local repartiu máis de 140 millóns de euros, xerou 9.033 empregos e contribuíu á creación de 15.539 empresas na provincia. “Son cifras que demostran que, cando as administracións apostan polo territorio e confían nas pequenas empresas, os resultados chegan”, concluíu o presidente da Deputación.

Máis información sobre as axudas do Plan de Emprego Local 2026 na webwww.pel.gal.

Lea también

Mondoñedo acoge la jornada central de las XIX Xornadas do Peregrino «Abrindo Camiño»

Los días 5 y 6 de septiembre tendrá lugar la celebración de las XIX Jornadas …