Por que algúns tecidos liberan máis microfibras ca outros co tempo de uso ou durante os lavados? Que características da súa estrutura fan que sexan máis ou menos propensos a este desgaste invisible?. A tese “Estudo da susceptibilidade das estruturas téxtiles á liberación de microfibras”, realizada no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña, aborda estas cuestións e analiza os factores que condicionan este fenómeno, considerado xa un dos retos
ambientais emerxentes da industria téxtil.
O traballo, desenvolvido pola investigadora do Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) Mercedes Pereira, busca comprender como e por que se produce a liberación de fibras desde a propia concepción do tecido, indo máis alá do uso ou o lavado e poñendo o foco na súa estrutura e no seu comportamento físico.
Tecidos baixo a lupa: como se estudan as fibras que se desprenden?
A investigación examinou 25 estruturas téxtiles de uso habitual na industria –16 tecidos planos e 9 de punto– elaboradas con materiais como o poliéster, o algodón, a la, a viscosa ou o elastano. Os materiais foron estudados con diferentes técnicas de caracterización que permiten “ver” como se comportan por dentro.
Entre elas, empregáronse a análise termogravimétrica (Thermogravimetric Analysis, TGA), que mide como perde masa un material cando se quenta e permite avaliar a súa estabilidade térmica; a calorimetría diferencial de varrido
(Differential Scanning Calorimetry, DSC), que detecta como o material absorbe ou libera calor e axuda a identificar cambios na súa estrutura interna; e a análise mecánico-dinámica (Dynamic Mechanical Analysis, DMA), que analiza como responde o tecido cando se estira ou se somete a esforzos, simulando condicións reais de uso.
A liberación de microfibras estudouse en escenarios próximos á vida real, en dous ambientes experimentais diferenciados en húmido e en seco: por un lado, mediante lavados domésticos; e, polo outro, con ensaios de desgaste con tambor aleatorio acelerado (Rotary Tube Processing Technology, RTPT), que simula o rozamento e o uso continuado dos tecidos ao longo do tempo.
Datos que axudan a entender a causa da liberación de fibras
Tras a recollida de todos estes datos, empregáronse ferramentas estatísticas que permiten atopar padróns para discriminar as variables que son as realmente decisivas na liberación de fibras.
Ademais, desenvolveuse unha nova metodoloxía analítica capaz de identificar con maior precisión a composición dos tecidos, mesmo nas mesturas máis complexas, e de predicir como evolucionará a liberación de fibras ao longo da súa vida útil, tanto en condicións húmidas como secas.
En conxunto, os resultados amosan que pequenas diferenzas na estrutura dos tecidos poden traducirse en grandes diferenzas na liberación de microfibras, máis alá do efecto do uso continuado ou dos ciclos de lavado.
Unha tese en colaboración coa industria téxtil para estudar un problema ambiental emerxente
A tese, dirixida polos investigadores do grupo PROTERM Ramón P. Artiaga e Jorge J. López, contou coa colaboración de Inditex. O traballo foi defendido o pasado 10 de xullo no Salón de Actos da Vicerreitoría de Ferrol e Responsabilidade Social ante un tribunal presidido por Rossana Bellopede (Politecnico di Torino), con María Belén Montero (Universidade da Coruña) como secretaria e Carlos Alberto Gracia (TA Instruments – Waters
Cromatografía, SA) como vogal. Obtivo a cualificación de sobresaliente e foi proposto para a mención cum laude.
Os resultados contribúen a avanzar cara ao desenvolvemento de tecidos máis duradeiros e con menor liberación de microfibras, achegando novo coñecemento para afrontar un dos principais desafíos ambientais asociados á industria téxtil.
Ademais, a investigación reforza o compromiso do CITENI co desenvolvemento de solucións innovadoras para a industria e consolida o papel do Campus Industrial de Ferrol como un referente en investigación aplicada e transferencia tecnolóxica.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.