Unha vintena de persoas usuarias do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla participaron esta semán na Casa da Xuventude de San Sadurniño nun encontro convocado polo grupo de traballo do proxecto coa finalidade de iniciar o proceso de constitución da futura Asociación de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla. Un colectivo de base social que nace coa vontade de representar os intereses das elaboradoras e elaboradores, promover iniciativas conxuntas e fortalecer a colaboración entre os pequenos proxectos agroalimentarios que fan uso das instalacións. Durante a reunión analizáronse e validáronse os estatutos da entidade e nomeouse unha comisión encargada de realizar os trámites necesarios para a súa legalización.

A reunión serviu para avanzar nun dos obxectivos que as propias usuarias e usuarios viñan formulando desde hai tempo: dotarse dunha entidade propia que lles permita organizarse e actuar de maneira conxunta. Como resultado da reunión, acordouse crear unha comisión promotora integrada por Carmen Caínzos, María Jesús Abeal e Manolo Varela, que será a encargada de realizar os trámites administrativos previos á inscrición da entidade no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.
A organización levará o nome de Asociación de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla e terá como finalidade principal representar e defender os intereses das persoas usuarias do centro de transformación situado en San Ramón de Moeche, xa sexan elaboradoras profesionais ou para autoconsumo. Entre os seus obxectivos tamén figuran a organización de actividades formativas, o impulso de iniciativas de promoción e comercialización, a realización de accións de cooperación e o desenvolvemento de proxectos que contribúan ao fortalecemento do sector agroalimentario e ao desenvolvemento do medio rural.
Segundo explicou o concelleiro de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Manolo Varela, que ademais de ser usuario tamén exerce de enlace entre a comunidade de persoas usuarias e as administracións impulsoras da Fusquenlla, «a asociación constitúese para defender os intereses das persoas usuarias, facer actividades conxuntas, organizar charlas, realizar pedidos colectivos de material, intentar negociar prezos e afrontar outras situacións que se poidan presentar». Varela destacou ademais que «os fins da asociación son moi amplos e permitirán desenvolver numerosas iniciativas en beneficio das persoas asociadas».
O edil tamén puxo en valor que a creación da entidade abrirá novas oportunidades para o proxecto. «Ser asociación permitirá acceder a liñas de axuda e buscar vías de financiamento para determinadas actividades«, sinalou. Neste sentido, lembrou que a reunión deste mércores supón unicamente o primeiro paso do proceso: «Agora hai que completar os trámites de constitución, obter a inscrición no Rexistro de Asociacións da Xunta e o correspondente NIF. Cando todo iso estea feito convocarase unha nova asemblea para elixir a xunta directiva que asumirá a representación da entidade».
Os estatutos aprobados recollen múltiples fins orientadas ao desenvolvemento económico, social e ambiental do rural, ao apoio á pequena produción agroalimentaria, á formación das persoas asociadas, á promoción da artesanía alimentaria, á comercialización en circuítos curtos, á cooperación entre produtoras e produtores e á defensa dos intereses do sector diante das administracións. Tamén incorporan obxectivos relacionados coa igualdade de oportunidades, o emprendemento feminino, a defensa da lingua galega e a soberanía alimentaria.
A Fusquenlla é un proxecto promovido polos concellos de Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, As Pontes, San Sadurniño e Valdoviño, coa colaboración da Deputación da Coruña, principal apoio económico da iniciativa a través da Rede de espazos colaborativos Coworking PEL. A constitución da asociación supón un novo paso na consolidación deste centro de transformación compartido, chamado a facilitar que pequenas explotacións e iniciativas agroalimentarias poidan elaborar produtos con maior valor engadido e abrir novas oportunidades de desenvolvemento no territorio
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.