O Chanfaina lab volta a San Sadurniño cun ciclo itinerante polas parroquias

O encontro audiovisual Chanfaina lab volve ser arredor de mes e medio punto de encontro para o cine galego de vangarda.

Os días 4, 5 e 6 de setembro reuniranse en San Sadurniño nomes recoñecidos do noso audiovisual con outra xente de aquí e de acolá quizais menos experimentada e non tan recoñecida, pero coas mesmas ganas de participar nun evento do que sempre saen pezas marabillosas.

A organización está ultimando os detalles desta edición, que será a 11ª. Porén, como adianto, o Concello vai organizar desde a última fin de semana de xullo e case todo agosto un ciclo itinerante no que se proxectará unha escolma de curtas realizadas en cada unha das parroquias.

Todos os pases do ciclo serán con entrada libre, todos ás 20:30 horas nos locais sociais e todos cunha duración aproximada de 90 minutos, combinando pezas destacadas de distintas edicións que se filmasen en cada zona.

Trátase dunha iniciativa “cun carácter moi local e identitario” na que colaboran as asociacións veciñais e, nese sentido, desde a cociña do encontro audiovisual tamén sinalan que as proxeccións pretenden converter os locais sociais “en espazos de encontro e posta en valor da memoria colectiva”.

As datas deses encontros son as seguintes:

31 de xullo 20:30 horas Local social de Bardaos
2 de agosto 20:30 horas Local social de Santa Mariña
7 de agosto 20:30 horas Local social de Lamas
8 de agosto 20:30 horas Local social de Igrexafeita
9 de agosto 20:30 horas Local social de Ferreira
21 de agosto 20:30 horas Local social de Naraío

O Chanfaina lab é tempo de xogar coas narrativas visuais máis clásicas ou de probar outras novas, compartindo a experiencia durante unha intensa fin de semana de rodaxes dentro dos 99 km2 do noso territorio. Un grande espazo que garda moitas historias para contar e que agarda por xente disposta a contalas.

Nesta edición, que fará a nº 11, a primeira parte do encontro audiovisual está preparándose para a fin de semana do 4 ao 6 de setembro. Tres días intensos -dous en realidade- para filmar pezas que se poderán ver na estrea de febreiro do ano que vén

Máis cine no verán e no outono

E a programación cinematográfica municipal non se deterá só no ciclo itinerante do Chanfaina lab nin no propio encontro audiovisual, senón que durante todos os venres de setembro, a Praza Ramón Díaz Raña será sala de proxeccións ao aire libre con apoio da Deputación da Coruña. Alí poderemos ver Sirat (4 de setembro ás 22:00 horas), As Neves (11 de setembro, 21:00 horas), +Cuñados (18 de setembro, 21:00 horas) e, por último, o documental Rapa. Xente ao monte (25 de setembro, 21:00 horas).

Tamén hai que avanzar que San Sadurniño é un dos concellos elixidos pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación da Coruña para o ciclo Premios Mestre Mateo, que levará polos locais sociais das parroquias durante outubro e novembro filmes como SiratAs liñas descontinuasSan SimónAntes de nós e outros títulos.

Lea también

O Concello de Ferrol presenta as obras gañadoras da XXII edición do Premio Literario Carvalho Calero

O concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, José Antonio Ponte Far, presentará este venres …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *