Fene condena un novo acto vandálico na pasarela de San Valentín e fai un chamamento ao civismo

Os danos afectan a un treito de varanda dunha infraestrutura de mantemento compartido entre o Concello e Costas.

varanda danada en San Valentín | Concello de Fene

O Concello de Fene lamenta os danos provocados por un novo acto vandálico na pasarela peonil de San Valentín, onde foi derrubado un tramo da varanda da infraestrutura. Desde o Goberno municipal condenan este tipo de comportamentos, que supoñen un prexuízo para o conxunto da veciñanza e afectan a un espazo moi utilizado tanto por residentes como por persoas visitantes.

O Concello lembra que a pasarela é unha infraestrutura cuxo mantemento corresponde de maneira compartida entre a administración municipal e o servizo de Costas da Xunta de Galiza. Neste sentido, o Goberno local explica que os accesos da pasarela foron retirados por Costas despois de que os temporais os deteriorasen e deixasen de reunir as condicións necesarias para volver ser instalados. A propia administración autonómica optou por retirar definitivamente estes elementos en lugar de proceder á súa reposición.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, lamentou que “unha vez máis, o vandalismo obriga a destinar recursos públicos a reparar danos que nunca deberían producirse”. A rexedora lembrou que “o Concello está a realizar un importante esforzo para conservar esta infraestrutura, coa reposición de 150 táboas, a adquisición doutras 200 para continuar os traballos e o mantemento periódico do noiro”.

Permuy engadiu que “agardamos tamén o mesmo compromiso por parte da Xunta de Galiza na conservación dos elementos que son da súa responsabilidade. A decisión de retirar os accesos desmontables tras os temporais, sen substituílos por uns novos, supuxo a perda dun elementos importantes dunha infraestrutura moi utilizada pola veciñanza”.

A alcaldesa fixo, por último, un chamamento ao civismo e á corresponsabilidade da veciñanza.

 “Os espazos públicos son patrimonio de todas e todos e debemos coidalos entre conxunto. Cada acto vandálico supón un custo económico que acaba asumindo toda a veciñanza e resta recursos que poderían destinarse a outras melloras necesarias”, concluíu.

Lea también

Valdoviño celebra este domingo su tradicional Feirón mensual

Está organizado por la Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra con el …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *