
O concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, José Antonio Ponte Far, presentará este venres no Centro Cultural Torrente Ballester as obras gañadoras da XXII edición do Premio Literario Carvalho Calero, un certame que recoñece tanto a creación literaria como a investigación e o ensaio en lingua galega.
Na modalidade de Investigación Lingüística ou Ensaio, o galardón foi para Martín Traficante Pérez pola obra ‘O galego, lingua nacional… ou lingua autonómica?’. Pola súa banda, na categoría de Creación Literaria, o premio recaeu en Lourenço Álvarez por ‘O portão verde’.
O Torrente Ballester pechará temporalmente polas obras do futuro Museo de Ferrol
José Antonio Ponte Far tamén anunciou que o Centro Cultural Torrente Ballester permanecerá pechado ao público a partir do vindeiro luns. O peche débese aos traballos previos ao inicio das obras de adecuación do inmoble, que acollerá no futuro o Museo de Ferrol. A pesar do peche das instalacións ao público, a conserxería continuará prestando servizo no seu horario habitual.
Ademais, o Concello informou de que os catálogos da exposición de Xoán Xosé Braxe poderán recollerse desde este venres tanto no propio Centro Cultural Torrente Ballester como na Oficina de Atención Cidadá, situada na entrada do pazo municipal.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.