Concello e SAF convocan o ‘I Premio de Pintura Concello de San Sadurniño’

O certame, dotado con 1.400 euros en premios, ten aberto o prazo de solicitude de participación até o 31 de agosto.

Imaxe do pasado mes de decembro de Secundino García Casal conversando con Carlos Barcón -no centro- e Julio Ferrín durante a apertura dunha exposición conxunta de ambos artistas | Foto-César Galdo

O Concello de San Sadurniño pon en marcha o I Premio de Pintura Concello de San Sadurniño, un novo certame cultural organizado coa colaboración da Sociedade Artística Ferrolana (SAF) para fomentar a creación nas artes plásticas e contribuír á difusión da paisaxe e do patrimonio galego.

O concurso  está aberto á participación de persoas de calquera idade e admite obras inspiradas en calquera recuncho de Galicia, aínda que o xurado valorará de maneira preferente aquelas que retraten a paisaxe, o patrimonio ou a contorna do propio municipio. A documentación das obras aspirantes ao premio poderá presentarse ata o próximo 31 de agosto e as obras seleccionadas formarán parte dunha exposición que se terá lugar na galería do Concello entre outubro e novembro.

Ao premio poderán presentarse obras inéditas, orixinais e de autoría propia realizadas en calquera técnica pictórica, como óleo, acrílico, acuarela ou técnica mixta, entre outras. A temática será libre dentro do concepto de paisaxe, patrimonio ou contorna galega, polo que poderán concorrer creacións inspiradas en calquera punto do país. Non obstante, tal e como se precisa nas bases, o xurado terá en conta especialmente aquelas obras que representen elementos culturais ou recunchos paisaxísticos do territorio de San Sadurniño.

As candidaturas poderán presentarse presencialmente na Casa da Cultura ou mediante o envío da documentación ao enderezo electrónico agustin.perez@sansadurnino.gal. As persoas participantes deberán achegar unha fotografía en cor da obra, os datos técnicos e persoais correspondentes -incluíndo a valoración económica da peza- e un breve currículo artístico. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 31 de agosto. 

Unha comisión integrada por dúas persoas designadas pola Sociedade Artística Ferrolana, o técnico municipal de Cultura e outras dúas persoas nomeadas polo Concello con titulación en Belas Artes encargarase de seleccionar as obras que formarán parte da exposición e actuará posteriormente como xurado de cualificación. As pezas escollidas deberán entregarse antes do 2 de outubro, debidamente enmarcadas ou con listón sinxelo, para a súa montaxe.

A exposición coas obras seleccionadas poderá visitarse na galería do Concello entre o 5 de outubro e o 13 de novembro. O fallo do xurado farase público durante o acto de inauguración da mostra, previsto para o venres 9 de outubro ás 18:30 horas. O I Premio de Pintura Concello de San Sadurniño establece unha dotación económica de 900 euros para a obra gañadora e un segundo premio de 500 euros.

As dúas obras premiadas pasarán formar parte da colección artística municipal, ao tempo que as persoas autoras cederán ao Concello os dereitos necesarios para a súa reprodución, distribución e comunicación pública con fins culturais, promocionais ou turísticos, sempre coa correspondente mención da autoría. Ademais, as obras seleccionadas poderán ser fotografadas e difundidas para promocionar a exposición, o catálogo do premio e a propia iniciativa.

Con esta convocatoria, o Concello amplía a súa programación cultural arredor da creación artística, que se suma a iniciativas xa consolidadas como o Chanfaina lab ou as exposicións que se desenvolven ao longo do ano tanto na galería municipal como no recibidor da Casa da Cultura.

Ademais, o concurso estreita a colaboración informal que o consistorio e a SAF veñen mantendo desde hai tempo. “O premio que agora poñemos en marcha non fai máis que reafirmar o compromiso de seguir promovendo a arte man a man cunha entidade que leva máis de medio século traballando nese camiño”, comenta Secundino García Casal en alusión aos 55 anos de vida da Sociedade e ao feito de que esta integre a arredor de 150 pintoras e pintores de toda a comarca e doutros puntos de Galicia e do Estado, non só de Ferrol.

O alcalde lembra neste sentido que pola galería  “levan pasado moitas pintoras e pintores da Sociedade Artística Ferrolana” e que é vontade do Concello que sigan facéndoo. “A SAF, igual que calquera artista individual, ten as portas abertas da sala para expor cando queira”.

Pola súa banda, o presidente de honra da entidade, Carlos Barcón Collazo, apunta que o certame impulsado conxuntamente co Concello de San Sadurniño está aliñado cos obxectivos da Sociedade, nomeadamente co de “colaborar con calquera persoa ou institución para divulgar as artes plásticas”. Barcón, que tamén forma parte do grupo pictórico da SAF, da que foi fundador, engade que o premio “é unha idea marabillosa” que ademais propón “un tema moi suxestivo para promocionar a paisaxe do concello”.

O certame artístico nace coa vocación de contribuír, precisamente, á difusión da paisaxe e do patrimonio a través da pintura. Un obxectivo que, ademais, conta co incentivo dos 1.400 euros de dotación económica do premio para aquelas dúas obras que mellor transmitan eses valores.

Bases do I Premio de Pintura Concello de San Sadurniño

Lea también

O Rei da Granxa organiza dous grandes torneos de vólei praia en San Sadurniño

As canchas de area do Mesón A Granxa están sendo durante este verán un auténtico …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *