A cita, este xoves 23 de xullo, a partir das 21:00 horas.
O Concello de Valdoviño continúa levando as súas propostas culturais ao exterior, e desta volta, convida ao público a asistir este xoves ao concerto na praia de Vilarrube da cantante e compositora galega Laura LaMontagne, acompañada ao violín de Sara Ember.
A actuación dará comezo ás 21:00 horas, na zona do areal baixo o Bar La Explanada. Dende a concellería de Cultura infórmase de que non se disporán cadeiras. A actividade forma parte do programa III Valdolingua IV Día do Orgullo Neofalante, financiado co apoio da Secretería Xeral da Lingua.
Laura LaMontagne fusiona poesía con xéneros como a música electrónica, o trip-hop e o dark pop. A súa voz, evocadora e melódica, flúe entre diferentes linguaxes sonoras, levando ao ouvinte por paisaxes emocionais cargadas de nostalxia grazas á intertextualidade literaria.
Adaptou textos de poetas como Rosalía de Castro, Luz Fandiño, Xela Arias, Fernando Pessoa, Walt Whitman, Allen Ginsberg, Antonio Machado, Federico García Lorca ou Blai Bonet, así como tamén textos medievais das cantigas galego-portuguesas de Martín Códax, Alfonso X ou Airas Nunes de Santiago.
Deste xeito, Laura LaMontagne busca romper barreiras entre a palabra escrita e a palabra cantada. Acompaña as súas bases e voz co impresionante violín de Sara Ember, creando unha atmósfera onde o tradicional e o moderno coexisten, se enriquecen mutuamente e conseguen xuntar o mundo académico coa cultura urbana. O seu traballo é unha ponte entre o local e o global.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.