O Concello de Neda conta dende esta semana con Consello da memoria democrática. A Casa Consistorial acollía este luns a reunión constituínte deste ente consultivo, que terá como funcións informar, asesorar e facer propostas ao respecto da Lei 20/2022, do 19 de outubro, de memoria democrática.
O consello contará como vocais con representantes dos distintos grupos políticos municipais, coa Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, “entidade memorialista con recoñecido traballo na bisbarra”, que estará representada por Mª Teresa Pérez; así como cos historiadores Xosé Manuel Suárez, Bernardo Máiz, e Eliseo Fernández, os tres cun destacado labor de investigación neste campo.
Entre as finalidades do ente municipal atópanse asesorar nos asuntos relacionados coa aplicación no termo municipal da Lei de Memoria Democrática/Histórica; favorecer a reparación e dignificación dos veciños/as que padeceron calquera tipo de represalia durante a ditadura franquista; e impulsar a investigación e difusión de aspectos e episodios históricos ou sociais do Concello de Neda que fosen silenciados ou terxiversados polo franquismo.
A posta en marcha do Consello da memoria democrática foi un compromiso adquirido polo alcalde no 2024, a proposta da citada entidade memorialista. O primeiro encargo municipal, co ente aínda en fase embrionaria, foi a redacción da análise histórica sobre a orixe e significado da Cruz dos Caídos do Coto, estudo que avalou a necesidade da súa retirada do espazo público.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
