As actuacións leváronse e a cabo en nove localizacións distintas.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou este martes os traballos de mellora da sinalización no litoral do concello de Valdoviño, que se desenvolveron en nove localizacións distintas pertencentes ao Xeoparque Cabo Ortegal. Concretamente, Xosé Merelles supervisou acompañado polo alcalde de Valdoviño, Alberto González e pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, a instalación de paneis informativos situados na praia de Pantín, tamén coñecida coma O Rodo, que o vindeiro mes de agosto acollerá unha das citas internacionais do calendario mundial dos amantes do surf, o ABANCA Pantin Classic Galicia Pro 2026.
A sinalización de todos estes puntos do litoral de Valdoviño enmárcase na aposta da Xunta por mellorar a calidade da oferta turística en destinos con elevado potencial de crecemento. Neste sentido, o xeodestino Ferrolterra rexistrou entre xaneiro e maio de 2026 un total de 51.468 viaxeiros, un 4,9% máis que no mesmo período do ano anterior. Destaca especialmente o comportamento do mercado internacional, que alcanzou os 10.184 visitantes, un 16,4% máis, representando xa preto do 20% do total de viaxeiros que visita o destino. Pola súa banda, o mercado nacional sumou 41.283 viaxeiros, cun incremento do 2,4%.
Segundo explicou o director de Turismo de Galicia, con esta iniciativa «o obxectivo é ofrecer unha experiencia turística completa, preservar o patrimonio natural e favorecer un desenvolvemento equilibrado no conxunto do territorio», de tal modo que se poñan en valor os recursos turísticos da zona e se reforcen as infraestruturas existentes en materia de accesibilidade, calidade, seguridade e sostibilidade.

Nove novas sinalizacións
En concreto, a actuación incluíu a instalación de nove paneis nas praias de Vilarrube, do Baleo e nos accesos ás praias de Rodo, Campelo e Cristina-A Frouxeira; na área recreativa da Marnela; e nos aparcadoiros das praias da Frouxeira, Lago-A Frouxeira e O Río.
Xosé Merelles destacou tamén o «gran valor» desta actuación «de cara á futura revalidación do Xeoparque Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial», proceso para o que a UNESCO enviará a finais deste mes de xullo unha misión avaliadora integrada por dúas persoas expertas. O espazo obtivo esta distinción o 24 de maio de 2023, converténdose no segundo xeoparque mundial da UNESCO en Galicia, xunto co das Montañas do Courel.
Na actualidade, España conta con 18 xeoparques recoñecidos pola UNESCO. A mellora da sinalización contribuirá a facilitar a orientación e a interpretación do patrimonio xeolóxico e paisaxístico por parte dos visitantes, reforzando a competitividade turística dun territorio que continúa consolidando a súa capacidade de atraer tanto ao mercado nacional como, especialmente, ao internacional.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.