
As canchas de area do Mesón A Granxa están sendo durante este verán un auténtico fervedoiro deportivo e punto de encontro obrigado para todas as persoas afeccionadas ao vólei praia. Ademais, á volta duns días, o sábado 25 de xullo -coincidindo co Día de Galicia-, alí vai desenvolverse o torneo amador Rei da Granxa 4×4, unha cita con formato de maratón que virá adobiada con gastronomía, música e outras actividades. Xa en agosto, os días 22 e 23, tocaralle ao Torneo Internacional Concello de San Sadurniño, que reunirá algunhas das mellores parellas sénior de España e Portugal. Ambos eventos contan coa colaboración do Concello de San Sadurniño e buscan consolidar o municipio como un dos espazos de referencia para a práctica desta modalidade deportiva no norte de Galicia.
O primeiro dos eventos será o Rei da Granxa 4×4, un torneo amateur aberto a participantes de diferentes niveis que mantén abertas as inscricións ata o 22 de xullo. A competición disputarase ao longo de todo o 25 de xullo, cunha fase inicial na que os equipos se enfrontarán entre si para determinar o seu nivel. A partir desa clasificación formaranse dúas categorías, a Liga Ouro e a Liga Prata, co obxectivo de ofrecerlles partidos equilibrados tanto ás persoas máis experimentadas e competitivas como ás que só se anotan co obxectivo de botar unhas pachangas.
Cada equipo terá garantidos un mínimo de cinco partidos e coa inscrición -25€ por persoa- inclúese a camiseta oficial do evento e un vale para o xantar, ademais de contar con vestiarios, duchas e espazo para facer noite. Os equipos mellor clasificados recibirán premios achegados polas entidades colaboradoras e serán proclamados «Reis/Raíñas da Granxa» 2026 ao remate da competición.
Pero a proposta vai máis alá do aspecto deportivo. Durante toda a xornada haberá espazo gastronómico, barra de bebidas, un posto de Bico de Xeado, redes de uso libre para quen queira xogar fóra da competición e unha zona infantil con castelos inchables. Ao mediodía farase un alto nos partidos para compartir unha sesión vermú con música en directo.
Xa pola noite, as pistas iluminaranse con ledes para continuar a competición nun ambiente diferente, ao que se sumarán novas actuacións musicais antes da entrega de premios. Ademais, o Concello habilitará unha zona de pernocta gratuíta no pavillón municipal para facilitar a estancia das persoas que se despracen desde outros lugares.
Segundo sinala o promotor do evento, Marcos Blanco Couce, o obxectivo é que o 25 de xullo sexa «un lugar de celebración» no que deporte e lecer compartan protagonismo á beira do río Xuvia. Na mesma liña, destaca que a intención é converter a cita nun espazo de encontro aberto tanto ás persoas participantes como ao público que queira achegarse a desfrutar do ambiente.

Torneo Internacional Concello de San Sadurniño o 22 e 23 de agosto
O calendario de vólei praia en San Sadurniño, que non para desde o pasado mes de maio con probas do circuito galego, depáranos para esta semana, 20 ao 23 de xullo as xornadas de tecnificación RDG Pro Week, á que asistirán como docentes Nathan Matos, Calíope García e Richy Recarey. Logo, entre o sábado 25 e o domingo 26 de xullo disputarase o torneo 4×4 e os días 1 e 2 de agosto as canchas de area acollerán o Torneo Junior Sub 21 e o Alevín Sub 13.
Por último, os días 22 e 23 de agosto disputarase o Torneo Internacional Concello de San Sadurniño, unha competición federada que reunirá parellas sénior de alto nivel procedentes de España e Portugal. O torneo pechará a programación estival do Rei da Granxa e ofrecerá ao público a oportunidade de asistir a partidos do máximo nivel nun escenario que, pouco a pouco, vai consolidándose como novo referente galego do vólei praia.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.