
Equiocio Ferrol mantén aberto o período de inscricións do seu Concurso de salto territorial (CST), que se desenvolverá no campo das Cabazas, en Covas, complementando ao Concurso Nacional tres estrelas Cidade de Ferrol. A competición disputarase entre o xoves 6 e o domingo 9 de agosto. E, como novidade, algunhas das súas probas permitirán sumar puntos para a I Liga Galega “Ramos Fraga correduría de seguros” de salto de obstáculos.
O certame ferrolán converterase durante catro días no mellor escaparate para desfrutar da hípica galega, sendo unha cita obrigada para a canteira deste deporte. Segundo adianta a organización, repetirase o esquema da pasada edición, cunha xornada inicial que incluirá as probas territoriais en todas as alturas previstas (0,50, 0,80; 1,00; 1,10 m) á que se engadirá unha especial sobre altura de 1,20 metros. A modo de toma de contacto e con dereito a premios, os binomios que vaian participar a partir do venres 7 no Nacional de Ponis poderán competir tamén no CST.
O concurso inclúe un total de 15 probas oficiais, que se disputarán na súa maioría na pista central do certame, facilitando así o seguimento da competición, que gañaademais en espectacularidade.
As inscricións para participar no concurso territorial do certame realizaranse directamente a través da páxina web da Federación Hípica Galega (FHG) sendo a data límite o 27 de xullo.
Entre as novidades, o feito de que as probas do CST programadas para o domingo sexan puntuables para a I Liga Galega “Ramos Fraga correduría de seguros” de salto de obstáculos, que organiza a citada federación.
A edición 35 aniversario de Equiocio Ferrol contará co patrocinio de Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Estrella Galicia, Gadis, Integral Motion, Deporte Galego e as colaboracións de JRilo, Pavo, a Federación Hípica Galega, e a Comunidade de Montes veciñais en man común de Covas- Esmelle.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
