O Concello colabora un ano máis co programa «Vacacións en Paz» impulsado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps).
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, xunto aos voceiros dos catro grupos municipais, recibiron no Concello ás familias acolledoras e os cinco menores saharauís —tres nenos e dúas nenas— que participan este verán no programa «Vacacións en Paz» no municipio. Dúas das familias repiten experiencia como acolledoras, mentres que as outras tres estréanse este ano no programa.
Durante o encontro, a rexedora local desexoulles aos pequenos unha estadía «chea de momentos felices e novas experiencias» e agradeceu ás familias a súa xenerosidade, sinalando que «grazas ao seu compromiso, estes nenos poden gozar dun verán distinto, lonxe do calor extremo dos campamentos e rodeados de cariño»
O programa «Vacacións en Paz» é un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauís durante os meses de xullo e agosto que, en Galicia, desenvolve a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), a petición expresa do goberno da República Árabe Saharaui Democrática (RASD).
O Concello de Narón colabora con esta iniciativa organizando cada ano un programa de actividades para os menores acollidos. Nesta edición, os pequenos escolleron visitar as instalacións do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS), coñecer o Club de Remo e gozar da nova piscina ao aire libre do Couto. Ademais, o consistorio fíxolles entrega dun agasallo e dun vale para canxear por material escolar e deportivo.
A delegada comarcal da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), Maite Martínez, agradeceu «un ano máis» a colaboración do Concello de Narón co este programa solidario.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
