A edil de Festas, Mar Gómez, presentou a programación completa dun evento que volverá encher o parque de obradoiros, pasarrúas, espectáculos e actividades para todos os públicos.
O Concello de Narón presentou a programación da nova edición do Mercado Medieval, que se celebra do 16 ao 19 de xullo no Parque do Río Freixeiro.
A edil de Festas, Mar Gómez, foi a encargada de dar a coñecer os detalles dunha cita que, un ano máis, converterá o parque nun escenario de ambiente medieval con obradoiros, exposicións de oficios, campamento medieval, escola de cabaleiros e decenas de pasarrúas e espectáculos en directo.
O mercado abre as súas portas o xoves 16 de xullo ás 18:00 horas, cando cobrará vida cos obradoiros, exposicións, o campamento medieval e as primeiras atraccións da xornada.
A partir das 19:30 horas, as compañías Treefolk, Luisete e Gandulf porán o ambiente musical e escénico, nunha tarde de apertura que se prolongará ata as 22:30 horas.
O venres 17 de xullo o mercado reabrirá pola mañá, ás 11:00 horas, coa apertura do campamento medieval, a escola de cabaleiros e as exposicións de oficios, entre elas o obradoiro do coiro. Pola tarde, a partir das 18:30 horas, sucederanse pasarrúas e espectáculos de compañías como Grus-Grus, Teatro Infinito, Fantabulosía, Artimaña, Gaeloc e Bufón Rojo, nunha programación que se estenderá ata pasada a medianoite.
O sábado 18 de xullo o mercado volverá abrir pola mañá, ás 11:00 horas, cunha xornada chea de pasarrúas musicais, teatro de monicreques e personaxes fantásticos. Pola tarde, desde as 18:30 horas, o parque acollerá novos espectáculos de circo, monicreques e pasarrúas, cunha clausura da xornada ás 23:30 horas cun número especial de dragón, lume, música e pirotecnia a cargo de Treefolk, Artimaña e Bufón Rojo.
Finalmente, o domingo 19 de xullo, último día do mercado, a programación principiará tamén ás 11:00 horas e prolongarase ata a noite, cando o evento botará o peche cun gran pasarrúas de despedida ás 21:45 horas, con música, danza, lume e voos aéreos, no que participarán todas as compañías presentes no mercado.
Ademais da programación de rúa, o Mercado Medieval contará este ano con máis atraccións infantís. O artesán Aitor amplía o seu obradoiro de talla en madeira ata os 9 metros, e o público tamén poderá achegarse ao obradoiro do mestre artesán do coiro, ao posto de pintacaras de May, ao tiro con arco, á escola de cabaleiros, ao campamento medieval e ao obradoiro de moedas.
«Un ano máis, o Mercado Medieval de Narón convértese nunha cita imprescindible do verán, cun programa pensado para todos os públicos e que enche o Parque do Río Freixeiro de maxia e ambiente medieval», sinalou Mar Gómez durante a presentación.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

