A alcaldesa Marián Ferreiro e o edil de Deportes, Ibán Santalla, acompañaron o futbolista de Monelos nas instalacións de Río Seco que acollen unha nova edición deste campus.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, Ibán Santalla, achegáronse ás instalacións do estadio municipal de Río Seco para seguir de preto o campus de fútbol de verán que se está a desenvolver na cidade para nenos de entre 7 e 15 anos.
Á súa visita sumouse un convidado especial, o futbolista do Cádiz Lúcas Pérez, o coruñés criado no barrio de Monelos, que acudiu para acompañar o creador de contido Xoán Ramos, encargado deste campus. Natural de Narón e con máis de dous millóns de seguidores entre TikTok, YouTube e Instagram, Xoán Ramos puxo en marcha este proxecto despois de formarse el mesmo nas canteiras do fútbol galego e converterse, xa no fútbol amateur, nun dos referentes do contido deportivo dirixido ao público máis novo.
O campus conta coa colaboración do Patronato de Deportes do Concello de Narón. Ferreiro e Santalla, xunto a Pérez e Ramos, fixeron entrega dos diplomas aos 36 participantes deste primeiro grupo, así como dos tres trofeos que puxeron o ramo ao torneo disputado esta mesma mañá.
A semana que vén terá lugar a segunda quenda deste campus, que baixo o lema de “adestramentos, competición, convivencia e diversión” leva o nome de Xoán Ramos e se estrea este ano nas instalacións deportivas de Río Seco en Narón.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
