Fene acolle unha xornada de degustación gratuita dedicada ás Ostras do Ártabro

A actividade celebrarase este martes 14 de xullo na praza do Concello e combinará divulgación, degustación e cociña en directo. 

O Concello de Fene acolle este martes 14 de xullo unha xornada de degustación dedicada ás Ostras do Ártabro, unha iniciativa que busca divulgar e poñer envalor este produto do mar a través dunha experiencia gastronómica aberta ao público.

A actividade desenvolverase nunha carpa instalada na praza do Concello de Fene, entre as 19.00 e as 21.30 horas. A participación será gratuíta, aínda que o aforo é limitado, polo que será necesario realizar inscrición previa a través da ligazón i.gal/ostras.

A programación comezará cun acto de benvida institucional no que participarán representantes do Concello de Fene, da Confraría de Pescadores de Barallobre, do GALP Golfo Ártabro Norte e da Consellería do Mar.

Posteriormente presentarase o proxecto Ostras do Ártabro, unha iniciativa orientada á promoción deste recurso mariño e ao impulso do seu coñecemento entre a cidadanía. A continuación, Paula Patiño (ACastrexa) ofrecerá unha degustación de ostra rizada en conserva, amosando novas posibilidades gastronómicas para este produto.

A xornada rematará cunha sesión de cociña en vivo a cargo de Nair González, chef do restaurante Muelle 43, que elaborará diferentes propostas culinarias nas que a ostra será a gran protagonista.

A concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira, animou á veciñanza a participar nesta actividade, destacando que “é unha magnífica oportunidade para descubrir un produto de enorme calidade ligado á nosa ría e ao traballo do sector pesqueiro”. A edil sinalou ademais que “este tipo de iniciativas contribúen a promover o consumo de produtos deç proximidade, apoiar ás confrarías e poñer en valor a riqueza gastronómica do noso territorio”.

Desde o Concello de Fene destacan que esta proposta combina divulgación, gastronomía e promoción do produto local, reforzando o vínculo entre o mar, o sector primario e a restauración, ao tempo que convida á cidadanía a coñecer de pretoç as posibilidades culinarias das Ostras do Ártabro.

Lea también

El concierto de Manu Sija cierra en Neda el festival itinerante Jazz de Ría

Jazz de Ría concluirá su décima edición este domingo 16 a mediodía en Neda. El …