Xa está aberto o prazo para apuntarse ao 35 Concurso Nacional de Salto tres estrelas Cidade de Ferrol. A competición principal de Equiocio Ferrol disputarase entre o 7 e o 9 de agosto nas Cabazas (Covas) -na xornada anterior desenvolveranse probas territoriais- e convocará aos mellores xinetes e amazonas de dentro e de fóra do país.

A través da web da Real Federación Hípica Española pódense formalizar ata o 28 de xullo, as inscricións nas distintas probas deste concurso nacional, que se disputará nunha pista de herba natural de 75 x 50 metros, e que volve ser o único da súa categoría no calendario galego.
O CSN *** incluirá unha ducia de probas oficiais, sobre alturas de 1,10; 1,20; 1,30; 1,35 e 1,40 metros de altura. A máis esixente é o denominado Gran Premio Cidade de Ferrol, programado para o domingo 9 ao mediodía. Cada xinete ou amazona poderá participar con ata tres cabalos.
A organización destaca o interese do tres estrelas que, cada ano, conta con solicitudes de participación chegadas de boa parte do estado, e adoita contar cunha potente delegación do veciño Portugal. Non en van, o concurso nacional contempla preto de 20.000 euros en premios.
Na última edición, proclamábase vencedor do Gran Premio Cidade de Ferrol o xinete luso Hugo Carvalho, a lombos de “Nobel Style N”, sumando así a súa terceira vitoria na proba raíña.
A edición 35 aniversario de Equiocio Ferrol, que se celebrará do 6 ao 9 de agosto en Covas- Ferrol, contará para o CSN*** co patrocinio de Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Estrella Galicia, Gadis e Integral Motion e as colaboracións de Deporte Galego, JRilo, Federación Hípica Galega, Pavo ou a Comunidade de montes veciñais en man común Covas- Esmelle.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
