Neda volve contar cos xogos de mesa a través da iniciativa “Tempo de encontros”

O Concello de Neda retoma este verán a iniciativa “Tempo de encontros”, destinada a favorecer a relación entre veciños  de todas as idades, contando cos xogos de mesa como aliados. A primeira cita será na contorna ou no interior da Casa das palmeiras este 10 de xuño á tardiña.

As barallas, os taboleiros de parchís, os xogos da oca, e algunha que outra alternativa máis, volverán saír aos céntricos xardíns para desfrutar dunha tarde de venres – de 19 a 21 horas- entretida, aberta a xente de todas as idades que queira pasar un bo rato.

A proposta, máis aló de aproveitar a utilidade dos xogos de mesa para divertirse, e para mellorar a memoria e a concentración, busca fomentar a interacción social e ampliar a oferta de lecer da vila, poñendo así un grao de area para evitar situacións de soidade.

En función da acollida, a administración local determinará a continuidade ou de “Tempo de encontros” ao longo do verán ou a repetición de forma esporádica.

Lea también

Inscrición aberta en Fene para asistir ao espectáculo de narración oral Onde nacen os monstros

Nova sesión de contacontos na Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé de Fene, desta vez baseada …