O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e o xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Carlos Gil, visitan as marismas da enseada de Mera, na ría de Ortigueira, para coñecer sobre o terreo o alcance da actuación que permitirá restaurar un dos espazos húmidos de maior valor ambiental de Galicia. O desprazamento coincidiu coa presenza de varios técnicos que están a recabar imaxes do estado actual das marismas antes do inicio das actuacións de recuperación.

A visita produciuse tras a aprobación definitiva do proxecto construtivo de restauración das marismas da enseada de Mera por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), unha intervención cun investimento de 6.653.362 euros que forma parte do programa europeo LIFE Humedais.
Durante a visita, Julio Abalde destacou que esta actuación supón “un paso decisivo para recuperar a funcionalidade ecolóxica dun espazo de extraordinario valor ambiental e para corrixir os impactos acumulados durante décadas sobre este ecosistema”. O subdelegado engadiu que “o Goberno de España continúa demostrando o seu compromiso coa protección do patrimonio natural galego mediante investimentos que combinan conservación ambiental, sustentabilidade e adaptación ao cambio climático”.
O proxecto permitirá recuperar preto de 600.000 metros cadrados de marisma actualmente alterada pola acción humana. A ría de Ortigueira constitúe un enclave de referencia para a conservación da biodiversidade, protexido por distintas figuras nacionais e internacionais, entre elas a Rede Natura 2000 e a Convención Ramsar sobre humidais de importancia internacional.
A actuación centrarase na eliminación das infraestruturas construídas durante os anos oitenta para actividades de acuicultura e que modificaron profundamente a dinámica natural da marisma. Entre os traballos previstos figura a retirada de máis de 48.000 metros cúbicos de terras, pedras e escolleras que conforman diques e caballóns artificiais, así como a demolición de comportas e estruturas asociadas actualmente en desuso. “Estamos ante un proxecto de restauración ambiental de gran envergadura que permitirá devolver ás mareas o seu papel natural na configuración deste ecosistema e favorecerá a recuperación dos hábitats e especies propias da marisma”, sinalou Julio Abalde.
Ademais da eliminación das infraestruturas artificiais, o proxecto contempla a erradicación de especies vexetais invasoras en máis de 60.000 metros cadrados, incluíndo eucaliptos, canas e outras plantas exóticas que colonizaron a zona. O obxectivo é favorecer a recuperación da vexetación autóctona halófita e subhalófita, fundamental para a estabilidade ecolóxica do humidal.
A intervención inclúe tamén medidas específicas de protección ambiental, como a instalación de barreiras de turbidez para evitar afeccións á calidade das augas, aos bancos marisqueiros e ás pradarías mariñas existentes na contorna. Así mesmo, executarase un completo programa de seguimento ambiental para controlar a evolución dos hábitats, a fauna e a calidade dos sedimentos durante e despois das obras.
O proxecto incorpora igualmente unha mellora do uso público compatible coa conservación do espazo natural. Neste sentido, acondicionarase unha senda peonil de máis dun quilómetro de lonxitude, que contará cun observatorio de aves, zonas de descanso e paneis nformativos para facilitar o coñecemento e a valorización deste enclave. Julio Abalde subliñou que “esta actuación permitir compatibilizar a protección do medio natural coa divulgación dos seus valores ambientais, contribuíndo a reforzar o atractivo e a identidade ambiental da ría de Ortigueira”.
As obras realizaranse no vindeiro ano, logo do proceso de licitación e contratación que será ao longo deste 2026. O prazo estimado de execución é de dez meses. Unha vez finalizados os traballos, a intervención permitirá restaurar a dinámica mareal natural da enseada de Mera, mellorar o estado de conservación dos seus hábitats e reforzar a protección das numerosas especies de aves acuáticas que utilizan este espazo como zona de alimentación, cría e descanso migratorio.
Proxecto LIFE Humedais
Esta actuación está enmarcada dentro do proxecto do Goberno LIFE Humedais, unha iniciativa que impulsa actuacións en 17 comunidades autónomas para a protección do medio ambiente. España pon en marcha o maior proxecto LIFE da historia, o principal instrumento de financiamento da Unión Europea dedicado exclusivamente á protección do medio ambiente e á acción polo clima.
Para desenvolver este extenso programa de actuacións, o proxecto LIFE Humidais conta cun orzamento inicial de 160,5 millóns. Destes, 96 millóns achégaos o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, 34,5 millóns os socios do proxecto e 30 millóns a Comisión Europea. Así mesmo, espérase a mobilización de ata 111 millóns de fondos complementarios durante o período de actuación do proxecto, dos cales xa se comprometeron 26 millóns. Todo iso sumará un orzamento global de máis de 271 millóns.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.