A Deputación entrega os Premios PEL 2026

Nubeiro Labs, Que pasa na Costa, Enzicas Bio, Frouma Atlantic Wood e Queizuar foron as iniciativas gañadoras desta edición, na que tamén  e entregaron catro accésits. A gala incluíu tamén un recoñecemento especial ao xornalista de La Voz de Galicia e Radiovoz Ferrol Isidoro Valerio, pola súa traxectoria profesional de máis de catro décadas

A Deputación da Coruña entregou no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC, os Premios do Plan de Emprego Local (PEL) 2026, os galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano o talento, a innovación, a capacidade de xerar emprego e o compromiso co territorio das empresas, autónomos e iniciativas emprendedoras da provincia.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey

A gala contou coa participación do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a deputada de Emprego, Rosa Ana García, o presidente do xurado, Antonio Fontenla, numerosos alcaldes e alcaldesas da provincia e unha ampla representación do tecido empresarial, económico e social da provincia.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso

Na súa intervención, Formoso felicitou todas as persoas que presentaron a súa candidatura e destacou que “cada proxecto é unha mostra de esforzo, talento, innovación e confianza no futuro da nosa provincia”. O presidente subliñou que estes premios que permiten “visibilizar o enorme talento que existe no noso territorio, poñer en valor o esforzo de quen emprende e inspirar a outras persoas para que dean o paso e aposten polas súas ideas”.

Formoso lembrou que a Deputación leva unha década impulsando o Plan de Emprego Local (PEL) como o principal instrumento de apoio ao emprendemento, ao emprego autónomo e ás pequenas empresas da provincia. “Nestes dez anos, cun investimento de máis de 140 millóns de euros, impulsamos a creación de máis de 9.000 empregos, puxemos en marcha unha gran Rede de Coworking con 12 espazos de traballo colaborativo e apoiamos a creación de 15.500 empresas”, afirmou.

O presidente incidiu en que “detrás de cada número hai persoas: emprendedores e emprendedoras que decidiron apostar polo seu proxecto, pequenas empresas que creceron e xeraron emprego e novas oportunidades, e iniciativas innovadoras que contribúen a facer da Coruña unha provincia máis dinámica, máis competitiva e mellor preparada para afrontar os desafíos do futuro”.

“Os proxectos premiados nesta edición amosan a enorme diversidade e capacidade transformadora das empresas da nosa provincia: desde a biotecnoloxía rural a partir da castaña galega ata o emprendemento dixital impulsado desde a comarca do Eume; desde a recuperación da madeira das bateas para convertela en artesanía contemporánea ata o xornalismo local en galego feito desde e para a Costa da Morte. Son empresas moi diferentes, pero todas comparten algo esencial: demostran que a innovación tamén se constrúe desde o local, que o rural galego ten un gran potencial”, destacou Valentín González Formoso.

A celebración da gala no CEI permitiu tamén poñer en valor a aposta da Deputación pola innovación, a dixitalización e os novos sectores produtivos. Formoso destacou que o Coruña Estudio Inmersivo é “un exemplo de colaboración público-privada e de innovación tecnolóxica que está a xerar novas oportunidades nun sector cunha enorme capacidade de crecemento e proxección”. 145 candidaturas e 80.000 euros en premios

A oitava edición dos Premios PEL bateu récord de participación, cun total de 145 candidaturas presentadas. Os galardóns están dotados con 80.000 euros e recoñecen proxectos empresariais pola súa idea de negocio, impacto no territorio, innovación, responsabilidade social, capacidade de transformación económica e social e contribución á creación de emprego.

Empresas e iniciativas premiadas

Na categoría de Mellor Iniciativa Emprendedora, o premio foi para Nubeiro Labs, empresa galega con sede en Cabanas e centro de traballo en Pontedeume, fundada polos enxeñeiros industriais Carlos García Sotelo e Sara López Castro tras o seu retorno a Galicia. O xurado recoñeceu a súa capacidade para converter o emprendemento dixital nunha ferramenta de retorno do talento, creación de emprego cualificado e desenvolvemento sostible.

A compañía adquiriu e profesionalizou pequenos comercios electrónicos xa existentes, como Bonicos.es e FresaBanana.com, operándoos desde a comarca do Eume con tecnoloxía propia, disciplina financeira e un modelo de crecemento arraigado no territorio.

O accésit de Mellor Iniciativa Emprendedora recaeu en Ana María de Aspe Doldán, polo seu proxecto empresarial La Tribu Verde, unhamconsultora con sede en Oleiros especializada en sustentabilidade aplicada ao sector audiovisual e cultural. O xurado destacou a súa capacidade para converter a sustentabilidade nunha ferramenta real de transformación do sector audiovisual, conectando innovación, conciencia ambiental, tecnoloxía e compromiso social desde Galicia.

Na categoría de Mellor Traxectoria Empresarial, o premio foi para Ubaldo Cerqueiro García, polo proxecto Que pasa na Costa, diario dixital de referencia da Costa da Morte desde 2007. O xurado puxo en valor o seu papel na vertebración informativa dun territorio de 19 concellos e a súa aposta polo xornalismo hiperlocal en alego como motor de identidade, cohesión, participación cidadá e dinamización social e rural.

O accésit nesta categoría foi para Chévere Producciones, empresa de produción e exhibición de artes escénicas e de xestión cultural que iniciou a súa actividade en 1987 e que en 2027 cumprirá 40 anos de traxectoria. O xurado recoñeceu a súa excelencia artística, o seu compromiso social, a súa innovación narrativa e a súa contribución á cultura galega. Chévere recibiu en 2014 o Premio Nacional de Teatro.

Na categoría de Mellor Iniciativa de Territorio Sostible, o premio foi para Enzicas Bio, microempresa biotecnolóxica radicada en Santiago de Compostela e especializada no desenvolvemento de ingredientes naturais con capacidademenzimática para a industria alimentaria. A compañía traballa coa valorización de materias primas locais, especialmente a castaña galega, incluídas pezas de descarte, para xerar novos produtos de alto valor engadido. O xurado salientou a súa aposta pola economía circular, a transferencia de coñecemento e a creación dunha nova bioindustria ligada ao rural galego.

O accésit desta categoría recaeu en Cynthia Arias Ramil, polo proxecto Bieiteiras, unha iniciativa de produción agroecolóxica baseada na recuperación do patrimonio rural familiar, a soberanía alimentaria, o relevo xeracional e a modernización do sector primario. O xurado destacou a súa capacidade para conectar innovación agraria, igualdade, biodiversidade e compromiso co territorio desde o rural galego.

Na categoría de Mellor Iniciativa Empresarial Singular, o premio foi para Francisco José Millán Valiño, polo proxecto Frouma Atlantic Wood, obradoiro artesán con sede en Ribeira que recupera madeira procedente das bateas de cultivo de mexillón das rías galegas para transformala en mobiliario e obra artística de autoría singular. O xurado destacou a innovación no uso da materia prima e a capacidade do proxecto para conectar oficio, sustentabilidade, cultura mariñeira, deseño de autor e economía circular con proxección internacional.

O accésit de Mellor Iniciativa Empresarial Singular foi para José Manuel Salvado Sanín, polo proxecto Sanín Percusión Tradicional, obradoiro artesán situado en Lavacolla, no concello de Santiago de Compostela, dedicado desde 1990 ao deseño, fabricación, investigación, reparación e divulgación de instrumentos de percusión tradicional galega. O xurado recoñeceu a súa contribución á preservación dun oficio ligado á identidade musical de Galicia e a súa capacidade para converter a artesanía nun proxecto empresarial sostible, innovador e con proxección internacional.

A Mención Honorífica do Xurado á Mellor Iniciativa Transformadora do Rural foi para Queizuar, queixería fundada en 1997 na aldea de Bama, no concello de Touro, dedicada á elaboración de queixos tradicionais galegos con Denominación de Orixe Protexida. O xurado recoñeceu a súa capacidade para transformar unha tradición familiar nun modelo industrial innovador, sostible e comprometido co rural galego, combinando economía circular, modernización tecnolóxica, valorización dos recursos locais e apoio estable ás explotacións gandeiras da contorna.

A gala incluíu tamén un recoñecemento especial ao xornalista de La Voz de Galicia e Radiovoz Ferrol Isidoro Valerio, pola súa traxectoria profesional de máis de catro décadas vinculada principalmente á radio. Valerio traballou na Cadena SER e en Antena 3 Radio e, desde 1994, forma parte de Radio Voz, onde dirixe o programa Voces de Ferrol. Ademais, escribe a diario en La Voz de Galicia Ferrol, consolidándose como unha das voces de referencia da comunicación en Ferrolterra e na provincia da Coruña.

Lea también

Los Sindicatos convocan convocan a la huelga al comercio de alimentación de A Coruña la próxima semana

Los sindicatos han convocado huelga en el comercio de alimentación de A Coruña la próxima …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *