Mar Gómez e o presidente da Asociación de Veciños presentaron este xoves unha cita xa consolidada no calendario local, que se celebra o 27 e 28 de xuño.
O Concello de Narón e a Asociación de Veciños de Piñeiros organizan o próximo sábado 27 de xuño a duodécima edición do Encontro de Rondallas Cidade de Narón, unha proposta musical que se ten consolidado como unha das citas máis destacadas do calendario cultural da parroquia e que volverá reunir a centos de persoas no campo da festa de Piñeiros, nas inmediacións da igrexa parroquial.
A concelleira de Festas, Mar Gómez, e o presidente da A.VV. de Piñeiros, Francisco José Pita, presentaron este xoves no Concello os detalles desta convocatoria, que dará comezo ás 17:00 horas e contará coa participación das rondallas Añoranzas, Só Elas, Lucero del Alba e Bohemios.
Gómez destacou o compromiso do tecido asociativo da cidade coa promoción da cultura popular e da música tradicional. “O Encontro de Rondallas de Piñeiros é xa unha referencia na programación festiva de Narón e unha mostra do importante labor que realizan as entidades veciñais para manter vivas tradicións moi arraigadas na nosa cidade. Dende o Concello queremos agradecer o esforzo da entidade e animar a veciñanza a participar nesta xornada de convivencia e música”, sinalou.
Pola súa banda, Francisco José Pita incidiu na boa acollida que recibe cada ano esta iniciativa. “Chegamos á duodécima edición coa ilusión de seguir ofrecendo un espazo de encontro para as rondallas e para todas as persoas afeccionadas a este tipo de formacións musicais. Agardamos que o público nos acompañe unha vez máis nunha tarde que será moi especial”, indicou.
As catro agrupacións participantes interpretarán un amplo repertorio que permitirá ao público gozar da riqueza musical e da tradición que representan estas formacións, cunha longa traxectoria e un importante seguimento na comarca.
A programación da fin de semana complétase o domingo 28 de xuño coa celebración da XIX Festa do Churrasco, organizada pola Asociación de Veciños de Piñeiros coa colaboración do Concello de Narón. A cita dará comezo ás 14:00 horas no campo da festa e as persoas interesadas xa poden adquirir os tickets para participar nesta tradicional xornada gastronómica. A festa continuará cunha sesión de baile amenizada por Alberto Bellón.
Ademais, ás 16:00 horas desenvolverase o XXII Encontro de Bandas de Gaitas “Memorial Lolete”, unha convocatoria xa consolidada na parroquia e que renderá homenaxe, un ano máis, á figura que lle dá nome. Nesta edición participan as bandas de gaitas San Pantaleón das Viñas, Rosalía de Vilaboa e Agarimo de Catabois, que ofrecerán ao público unha mostra do seu repertorio tradicional.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

