As autoridades de Ares, Neda e Fene inauguraron o programa téorico práctico, no que se contou tamén coa presenza da Delegación Territorial da Xunta en Ferrol.
Co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas participantes, impulsaranse especializacións profesionais en Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintaría e moble, Traballos de carpintaría e moble e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
A Alianza Aresana vén de acoller esta semana a inauguración institucional da nova edición do Reinicia, o programa de emprego e formación destinado a impulsar a ocupabilidade do seu alumnado-traballador.
Así, o edil de Persoal e Emprego de Ares, Luis Cendán; a concelleira de Promoción Económica de Fene, Ángeles Coira, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deron a benvida aos 20 alumnos que contarán cun impulso profesional tanto teórico como práctico. Tamén estivo presente o director territorial de Emprego, Juan José Couce.
Este alumnado-traballador poderá formarse nos vindeiros 9 meses en tres eidos de especialización: Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintaría e moble; Traballos de carpintaría e moble e finalmente Atencion sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, obtendo ao finalizar o certificado de profesionalidade e colleitando experiencia en contornas reais de traballo, ao incluir contratos de aprendizaxe en empresas da comarca.
Foi o concelleiro aresán Luis Cendán quen realizou a apertura en representación do Concello como institución anfitriona, ao tempo que contextualizaba os alicerces destes obradoiros de formación profesional.
Pola súa banda, Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol, salientou o Reinicia como “un froito de colaboración entre administracións” e convidou ó alumnado a “aproveitar a oportunidade de mellorar o currículum, as expectativas laborais e, en definitiva, o acceso ao mercado de traballo”, beneficiándose das dúas vertentes, primeiro teórica e logo práctica, que se formulan no Reinicia.
Tamén Ángeles Coira, edila fenesa, resaltou ao alumnado-traballador que o obradoiro supón unha aposta “polo voso futuro” e “que o seu interese está posto en contribuír a que atopen novas oportunidades laborais” na súa contorna de proximidade.
O Reinicia XII conta coa subvención e apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.
PEGADA DO ALUMNADO-TRABALLADOR NOS TRES CONCELLOS
Dentro da experiencia práctica que vivirá o alumnado-traballador, inclúense varias intervencións que impactarán nas contornas municipais de Ares, Fene e Neda nas diferentes especializacións profesionais:
No Concello de Ares
Intervención na zona do Parque Rosalía de Castro
Intervención na zona do edificio sociocomunitario da Reitoral de Ares
Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais
No Concello de Fene
Fabricación e montaxe de mobiliario para a Casa da Cultura e as oficinas da policía local
Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais
No Concello de Neda
Reposición de materiais deteriorados no Paseo Marítimo
Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
