Formoso reclama “deixar as cuestións de país fóra da confrontación política” no Foro ‘La Galicia que viene’

O presidente provincial reclamou tamén “desmadrileñizar” a política. Puxo en valor o valor estratéxico dos sectores produtivos galegos como o primario, enerxético e industrial. Cargou contra os “discursos populistas” que prexudican “o desenvolvemento e o sostemento” do Estado do Benestar.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou no Foro económico ‘La Galicia que viene’, un espazo de debate organizado por El Español e Quincemil onde debullou as grandes liñas estratéxicas que, ao seu xuízo, deben guiar o futuro económico e social da comunidade.

Durante a súa intervención, o mandatario provincial considerou necesario un cambio de rumbo na dinámica partidista actual, avogando firmemente por deixar “as cuestións de país fóra de la confrontación política” e por acometer unha “desmadrileñización” da actividade política.

A fortaleza dos sectores produtivos galegos centrou o comezo do relatorio de González Formoso, quen puxo en valor a “enorme potencia do sector primario galego” no conxunto da economía española. O dirixente provincial exemplificou esta potencia ao sinalar que a provincia conta “co concello de Mazaricos como o concello con máis cabezas de reses de todo o Estado español”, un fito que demostra o liderado no sector gandeiro.

Así mesmo, o presidente destacou a relevancia do sector forestal, un ámbito onde “Galicia aporta máis do 60% da masa forestal do país e, ademais, ten a capacidade de transformala”, sendo isto, en palabras do mandatario, “o máis importante para consolidar o valor engadido”.

Esta radiografía económica completouse coa mención expresa ao sector da transformación dos produtos extraídos do mar, unha actividade fundamental onde Galicia ten máis de 26.000 persoas traballando, sobre todo no sector conserveiro. O seu principal eixo motor sitúase precisamente na provincia da Coruña, concretamente na comarca do Barbanza, un territorio que se sitúa entre os máis importantes de Europa e do mundo con tres firmas máis ca recoñecidas e consolidadas no mercado internacional.

O protagonismo enerxético de Galicia suliñouse como outro dos piares esenciais da economía autonómica, lembrando o presidente que a comunidade ten un “protagonismo evidente na enerxía eólica”, xa que, cada ano, fai “a maior aportación á rede eléctrica de todo o Estado”.

Con todo, Formoso lamentou con dureza os atrancos xudiciais de implantación que sofren os parques eólicos, as cales achacou directamente ao “populismo político”. Neste sentido, o presidente criticou a existencia de parques paralizados “que son solventes na súa maioría, que non veñen especular, senón que se integran no territorio e que fan de Galicia un territorio capaz de aportar unha solución a eses proxectos industriais que consomen intensamente esa enerxía”.

Ao fío desta argumentación, o máximo responsable da institución provincial quixo incidir na “incoherencia que dinamita as perspectivas de evolución da economía galega” pola irresponsabilidade de certas formacións políticas. “Falamos dunha provincia que ten o principal estaleiro militar, o cal está vivindo unha etapa boiante con máis de doce anos de carga de traballo garantida grazas á construción naval e que, ao mesmo tempo, está a realizar incursións na enerxía eólica offshore”, declarou.

O presidente defendeu esta tecnoloxía como unha gran fórmula que a Unión Europea establece para o ano 2030 como a segunda fonte de xeración de enerxía a nivel europeo e que vai arrancando en España e en Galicia, “onde nos nosos ventos temos unha forza e potencialidade que están máis que acreditadas”.

Resulta incomprensible, a ollos do mandatario coruñés, que se encha de carga de traballo ao estaleiro onde se fabrican as torres eólicas offshore para todo o mundo, “pero para Galicia non”, cualificando estas posturas de incoherencias frecuentes que fan moito dano ao progreso colectivo.

O dirixente afeou que “os discursos populistas rexeiten sistematicamente calquera fonte de xeración enerxética” ao dicir que “non queren enerxía eólica porque é un espolio, pero tampouco queren carbón porque contamina, nin nuclear porque mata, nin queren hidráulica porque estraga os ríos”. Ante este escenario, Formoso ironizou con que entón a enerxía “vén por ciencia infusa”.

Formoso destacou a presenza de grandes firmas no propio foro, citando o caso de Repsol, “cuxa sede social está en Madrid, si, pero a actividade está aquí, na refinería, sufrindo o territorio o impacto visual, ambiental e paisaxístico nesta cidade”. Deste xeito, xustificou a necesidade de esixir que Galicia obteña un beneficio directo da dita actividade xa que é a que sofre os impactos directos no seu territorio.

A este respecto, o mandatario aclarou que non se debe entender o investimento foráneo como un prexuízo, senón como un beneficio palpable, considerando “un beneficio que un inversor madrileño ou de calquera outra parte do mundo veña aquí a investir, sempre que cumpra co medio ambiente e coas nosas normas”.

O líder provincial recordou que o sostemento dos servizos esenciais realízase “co esforzo de todo o mundo”, pero advertiu de que “sen ter un tecido económico e empresarial forte é imposible manter o hospital da Coruña”. Dos 325.000 millóns de euros que ingresou a Facenda pública española, o 70% desa recadación vén do tecido económico, de todas as empresas, “sexan pequenas, medianas, grandes ou enormes”.

Concluíndo a súa intervención, o presidente da Deputación da Coruña rexeitou que calquera político responsable “poida entender unha sociedade sen un tecido empresarial forte”, instando a abandonar definitivamente os discursos de dicotomía e de confrontación para non caer nun populismo de dicir que “os recursos públicos sempre van estar aí, haxa ou non haxa empresas neste país”.

O mandatario asumiu que hai milleiros de campos nos que debater, nos que marcar diferenzas ideolóxicas entre os diferentes partidos políticos, pero subliñou que “hai cuestións que son as de comer, as cales obrigan a protexer un país que necesita un tecido produtivo forte, recoñecible, que estea aí ao servizo da sociedade e que sexa un sistema intelixente entre empresarios e traballadores”.

Lea también

Galicia avanza en el diseño de la estrategia de emprendimiento ligado al territorio con entidades del ecosistema emprendedor

  –En la Estrategia tendrá un papel clave la red de colaboración público-privada impulsada en …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *