Valdoviño apela a un consumo responsable da auga ante a situación do encoro das Forcadas

Está ao 66% da súa capacidade, o nivel máis baixo dos últimos 25 anos.

O encoro das Forcadas sitúase actualmente ao 66% da súa capacidade, segundo o último informe de Augas de Galicia trasladado polo Concello de Ferrol, propietario e responsable da xestión da auga. As escasas chuvias dos últimos meses e o incremento do consumo derivado do aumento da poboación no verán sitúano no seu nivel máis baixo dos últimos 25 anos. Polo momento a situación non parece que vaia mellorar nas próximas semanas, coa previsión de escasas ou nulas chuvias, polo que atendendo ao aviso da administración xestora, o Concello de Valdoviño apela a un consumo responsable e eficiente da auga, xa que con xestos e actitudes en moitos casos sinxelos pódese contribuír de forma decisiva a reducir o consumo.

Entre estas, facer o rego das prantas e xardíns á tardiña ou amencer e empregar sistemas de rego automáticos por goteo, de modo que se aproveita a auga ao 100%. É aconsellable instalar dispositivos de aforro en billas e duchas, ou redutores de caudal para aforrar no consumo entre un 40 e un 60%. Recurrir a sistemas para evitar que se evapore a auga da piscina, como poden ser lonas reduce a auga consumida nun 10% e reparar as billas ou duchas que goteen ou cambialas por sistemas monomando aforra unha media de 170 litros ó mes.

En materia de aseo persoal, empregar un vaso ó lavar os dentes; encher a pileta axeitadamente para lavar a cara, as mans ou afeitarse, ou non deixar a billa aberta pode aforrar ata 12 litros por minuto. Ducharse no canto de bañarse e pechar a billa namentres un se enxabona aforra de media 150 litros. Instalar unha cisterna de doble pulsador permite unha rebaixa no consumo de ata o 50%.

Nas tarefas domésticas, empregar o lavavaixelas e a lavadora coa carga chea e no programa adecuado reduce o consumo nun 40%; utilizar un caldeiro con esponxa para lavar o coche en lugar da mangueira permite aforrar 50 litros no lavado e algo tan sinxelo como poñer unha xarra na neveira no canto de deixar a billa aberta para enfriar a auga permite aforrar unha media de 12 litros por minuto.

Así mesmo, pídese un uso mínimo das duchas das praias.

Lea también

Valdoviño acoge una exposición con las propuestas de intervención para el entorno del encoro de As Forcadas

Valdoviño ha vuelto a convertir en laboratorio de ideas para la asignatura «Análise da Arquitectura» …