A oitava edición da Noite Meiga de As Pontes encherá de tradición, música e diversión a noite de San Xoán

O Concello das Pontes prepárase para vivir unha das noites máis especiais do ano coa celebración da oitava edición da Noite Meiga, unha festa que busca recuperar as lendas, rituais e costumes tradicionais da noite de San Xoán, moi presentes na cultura popular galega.

Arquivo- Noite Meiga de 2025 en As Pontes | Concello de As Pontes

A concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, anima á participación da veciñanza e destaca o valor desta celebración: “A Noite Meiga xa é unha data marcada no calendario do verán pontés. É un punto de encontro para celebrar xuntos unha tradición que forma parte da nosa historia e do noso sentir colectivo”.

A cita será o luns 23 de xuño, a partir das 19:00 horas, no espazo do Canal IV, cun completo
programa de actividades pensado para todos os públicos. A xornada dará comezo ás 19:00 horas cun amplo programa de animación de rúa inspirado na maxia e nas tradicións da noite de San Xoán. Un equipo de animadores, animadoras, actores e actrices caracterizados como meigas, trasgos e outros personaxes do imaxinario popular galego interactuará co público ao longo de toda a tarde, construíndo historias a través de lendas, bailes e xogos participativos para o desfrute de persoas de todas as idades.

Entre as 19:00 e as 21:45 horas desenvolveranse diferentes xogos participativos e unha representación teatral centrada nos mitos e personaxes máis representativos da noite de San Xoán. A partir das 20:30 horas celebrarase a tradicional sardiñada popular, unha das citas máis agardadas da xornada, que permitirá compartir mesa, tradición e convivencia arredor dun dos produtos máis vinculados á celebración de San Xoán. Entre as 21:45 e as 23:45 horas, o equipo de animación percorrerá o recinto festivo realizando xogos de proximidade e intervencións itinerantes para acompañar ao público durante a cea popular e a actuación musical.

A música será unha das grandes protagonistas da noite coa actuación da orquestra La Banda de Ayer, que ofrecerá o seu primeiro pase entre as 22:15 e as 23:45 horas. Xa na recta final da noite, entre as 23:45 e as 00:30 horas, os personaxes da Noite Meiga convocarán aos asistentes mediante tambores e percusión ata o espazo preparado para a luminaria, acompañando ao público nos momentos previos ao acendido da fogueira. Á medianoite terá lugar o tradicional acendido da fogueira de San Xoán, que iluminará o ceo pontés nun dos momentos máis emblemáticos e simbólicos da celebración.

Tralo acendido, a orquestra La Banda de Ayer retomará a súa actuación cun segundo pase entre as 00:15 e a 01:45 horas. A festa continuará a partir das 02:00 horas coa sesión musical de Alex DJ, que se prolongará ata as 04:00 horas, poñendo o broche final a unha noite de celebración, música, tradición e convivencia.

Desde o Concello das Pontes convídan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta celebración que combina cultura popular, lecer e tradición nun ambiente festivo e familiar, mantendo vivas as costumes e os rituais asociados á noite máis máxica do ano.

Lea también

20 alumnos participan en Ortigueira no obradoiro dual de emprego «Terras do Ortegal III»

Trátase dunha iniciativa promovida polos concellos de Ortigueira, Cariño, Cerdido e Mañón e financiada cunha …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *