Xa á venda os tickets para a sardiñada da Noite de San Xiao en Narón con actuación de De Ninghures

O sábado 27 de xuño, a contorna do centro cívico social de San Xiao converterase en epicentro festivo de Narón cunha noite de música, gastronomía e encontro veciñal. Impulsada pola Asociación Veciñal San Xiao en colaboración co Padroado de Cultura do Concello de Narón e coa participación da Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Noite de San Xiao xa ten os tickets á venda para a sardiñada e churrascada. Poderán retirarse de forma anticipada os días 17, 19 e 25 de xuño no centro cívico, en horario de 19:30 a 21:00 horas, e tamén o propio día 27 entre as 19:00 e as 21:00 horas.

Presentacion na alcaldía | Concello de Narón

O acto de presentación desta xornada festiva reuniu a alcaldesa de Narón, Marían Ferreiro, o vicepresidente da entidade organizadora, Luis Doce, e o vogal Gustavo Hermida, que puxeron en valor o carácter participativo e comunitario dunha celebración xa consolidada no calendario festivo da parroquia.

«Este ano temos unha programación moi completa, con propostas para todas as idades e un cartel musical do que estamos moi orgullosos«, sinalou Doce. «Desde o Concello apoiamos con orgullo esta celebración porque é un exemplo do mellor que teñen as nosas parroquias: a capacidade de organizarse, de coidar as tradicións e de crear espazos de encontro», afirmou a alcaldesa de Narón.

A programación dará comezo ás 19:00 horas cunha proposta para o público familiar, con xogos tradicionais e populares e inchables para os máis pequenos. Ás 20:00 horas actuará Alex Rodríguez, abrindo a parte musical antes da cea popular.

A continuación terá lugar a tradicional sardiñada e churrascada, organizada pola A.VV. Ceibe de San Xiao. O menú —churrasco, chourizo criollo, pan, bebida e café, cunha sardiña de agasallo— ten un prezo de 15 euros para persoas socias e 18 euros para non socias, que poderán darse de alta no propio evento. As sardiñas tamén se poderán mercar de forma independente, a tres unidades por 2 euros.

Tras a cea, a partir das 21:00 horas, a música tradicional correrá a cargo do Grupo de Gaitas do Padroado de Cultura. Seguiranlles Irmaus da Raia Seca, coa súa fusión de tradicións galego-portuguesas, e De Ninghures, un dos grupos emerxentes máis destacados da escena folk galega contemporánea, coñecido pola súa fusión de tradición e sonoridades actuais. Para rematar a xornada, un segundo pase de Alex Rodríguez pechará esta nova edición da Noite de San Xiao.

Lea también

Galicia busca consolidarse como uno de los grandes destinos para la música en directo

Concertos do Xacobeo: la banda sonora de una Galicia que conquista visitantes los doce meses …