Os cans retirados dunha vivenda de Narón tras intervir o Concello, á espera da resolución dos expedientes abertos pola Xunta

Os animais atópanse actualmente no Refuxio Mancomunado de Mougá e poderán ser dados en adopción condicionada mentres se resolven as dilixencias en curso da Administración autonómica.

Foto de arquivo-Refuxio de Mougá

Os cans retirados o pasado 12 de xuño dunha vivenda do municipio atópanse actualmente nas instalacións do Refuxio Mancomunado de Mougá, onde permanecen baixo supervisión veterinaria. Os animais poderán ser dados en adopción condicionada unha vez así o determinen as veterinarias do servizo de lacería, mentres continúa a tramitación dos expedientes administrativos abertos pola Consellería competente en materia de benestar animal.

A intervención desenvolveuse sen necesidade de solicitar autorización xudicial, xa que os cans foron entregados voluntariamente polo seu propietario grazas á mediación realizada polos axentes da Policía Local que acompañaban o operativo. A Xunta de Galicia solicitara previamente a colaboración do Concello de Narón, tanto a través da Policía Local como do persoal do Refuxio Mancomunado, para executar o comiso provisional dos animais, unha medida cautelar acordada pola administración autonómica dentro do expediente tramitado.

Desde o Concello lembran que xa no ano 2023 se remitira á Administración autonómica un informe detallando a situación destes animais, o que derivou na apertura dos correspondentes expedientes por parte da Consellería. Posteriormente, a comezos do pasado mes de maio, a administración local trasladou un novo expediente no que se recollían tanto os antecedentes existentes como toda a documentación e información da que tiña constancia o Concello, co obxectivo de facilitar a valoración da situación e a adopción das medidas necesarias para garantir o benestar dos animais.

O goberno local incide en que, desde a entrada en vigor da Lei de Benestar Animal de Galicia no ano 2018, a maior parte das competencias sancionadoras e das relacionadas coa adopción de medidas cautelares en materia de protección animal corresponden á Administración autonómica. Neste contexto, o Concello de Narón reitera a súa disposición a colaborar sempre que sexa necesario para garantir o cumprimento da normativa e a protección dos animais.

Lea también

A Asociación Cultural Vai Rañala Meu! organiza unha nova edición do S. Xoán de Cedo de Sedes

A Asociación Cultural Vai Rañala Meu! organiza para o venres 19 de xuño unha nova …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *