As Pontes, epicentro do mototurismo galego coa celebración da ruta do Eume

A proba, puntuable para o Campionato Galego de Mototurismo, celebrarase o vindeiro 27 de xuño cun percorrido secreto de 320 quilómetros por algunhas das paisaxes máis espectaculares da provincia da Coruña.

O vindeiro sábado 27 de xuño, As Pontes volverá ser o punto de encontro dos amantes das dúas rodas coa celebración dunha nova edición da Ruta do Eume, unha das citas máis destacadas do Campionato Galego de Mototurismo e considerada por numerosos afeccionados como unha das rutas máis atractivas do calendario galego.

Organizada polo Motoclub MVR, coa colaboración do Concello das Pontes, a Federación Galega de Motociclismo e a Xunta de Galicia, a proba reunirá motoristas procedentes deç distintos puntos de Galicia e do norte peninsular para desfrutar dunha experiencia que combina condución, aventura, paisaxe e descubrimento do territorio.

Con máis de 320 quilómetros de percorrido e un itinerario secreto deseñado ao detalle pola organización, a Ruta do Eume levará aos participantes por algúns dos espazos naturais e paisaxísticos máis espectaculares da provincia da Coruña. O trazado combinará estradas costeiras xunto ao mar, tramos de montaña, bosques frondosos, pequenas aldeas do interior e impresionantes miradoiros naturais, convertendo cada quilómetro nunha oportunidade para gozar da moto e da contorna.

A filosofía da proba continúa apostando polo auténtico espírito do mototurismo, promovendo unha forma de viaxar e descubrir o territorio na que prima o desfrute da condución, o compañeirismo e o respecto pola paisaxe. Lonxe da velocidade e das présas, a Ruta do Eume propón unha experiencia pensada para saborear a estrada e coñecer recunchos singulares de Galicia desde unha perspectiva diferente.

A saída terá lugar ás 09:00 horas desde o concello das Pontes, onde desde primeira hora da mañá se dará cita un gran número de participantes e afeccionados. A edición deste ano incorporará diversos elementos destinados a incrementar a emoción da xornada, entre eles a navegación mediante libro de ruta, a localización dun punto pantasma distribuído ao longo do percorrido, un tramo de regularidade nos primeiros quilómetros da proba e varias paradas estratéxicas en enclaves de especial interese paisaxístico e patrimonial.

A organización mantén ademais o carácter aberto e participativo que caracteriza a esta cita, permitindo a participación tanto de pilotos federados como de afeccionados non inscritos na Federación Galega de Motociclismo. Todos eles compartirán o mesmo percorrido e poderán desfrutar dunha experiencia idéntica, aínda que os participantes convidados non puntuarán para a clasificación do Campionato Galego de Mototurismo.

Os pilotos federados deberán formalizar a súa inscrición a través da Zona Privada da Federación Galega de Motociclismo. Pola súa banda, os participantes non federados que desexen sumarse á aventura poderán inscribirse a través da páxina web oficial do Campionato Galego de Mototurismo, cubrindo o formulario habilitado para este fin.

Coa celebración desta nova edición da Ruta do Eume, As Pontes reafirma a súa posición como un dos grandes referentes do mototurismo en Galicia, consolidando unha proba que ano tras ano atrae a centos de afeccionados e contribúe a promocionar o patrimonio natural, paisaxístico e turístico do territorio.

Máis información e inscricións no número de teléfono 698 144 717 ou en www.cgmototurismo.org

Lea también

Arteixo Telecom presenta un ERTE de casi un año para toda su plantilla en As Pontes

UGT informa de que Arteixo Telecom ha presentado un Expediente de Regulación Temporal de Empleo …