Fernando Lorenzo Pérez e Inés Santiago Morón conquistan en Valdoviño a IX Volta ás Forcadas

Preto de 250 deportistas de todas as idades se deron cita na carreira organizada polo Concello de Valdoviño co apoio da Deputación da Coruña e da Federación Galega de Atletismo.

Fernando Lorenzo Pérez e Inés Santiago Morón conquistaban a IX Volta ás Forcadas celebrada en Valdoviño. Os gañadores absolutos da proba completaban os 9 km do percorrido, que discorreu entre as parroquias de Loira e Vilaboa paralelo ao encoro, cuns tempos de 31 minutos e 30 segundos e 37 minutos e 17 segundos respectivamente.

A segunda praza na categoría masculina foi para Alberto Pardo Montero, e para Verónica Bugliot Fernández na feminina. E completando o pódium, Pedro Pita Romero e Nuria Mejuto Fernández, bronce en masculino e feminino respectivamente. Todos os resultados en todas as categorías están xa a disposición da cidadanía no portal web de Carreiras Galegas -onde se xestionaron tamén as inscricións-.

Preto de 250 deportistas de todas as idades dábanse cita no evento, organizado polo Concello de Valdoviño co apoio da Deputación da Coruña e da Federación Galega de Atletismo, e un ano máis, incluíuse no circuíto provincial de carreiras populares.

Policía Local e máis as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de As Pontes, Cedeira, Narón, Neda e Valdoviño participaban no dispositivo de seguridade, facendo posible a cita, na que tamén colaboraron a Cooperativa de Vilaboa e o CD Rosalía de Vilaboa, e ambas institucións estiveron representadas na entrega de trofeos por Jaime Caamaño e Javier Sabín, presidente e directivo respectivamente da cooperativa e do club de fútbol local.

Un acto no que tamén participaban o alcalde, Alberto González; o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, e os edís de Obras, Alejandro García, e Cultura, Tamara Sabín. Dende as 11:00 horas, foron sucedéndose as diferentes carreiras por categorías, dende os biberóns -que xa recibiron a súa medalla ao remate do seu itinerario- ata os sub 18.

E contra as 12 horas arrincaba o esixente percorrido da absoluta, de ata 9 km. Estivo realmente reñida na categoría masculina, e durante practicamente todo o itinerario, Fernando Lorenzo (AD Náutico Narón) e Alberto Pardo (Sociedad Deportiva Compostela Atletismo) marcharon xuntos, ata os últimos metros, impoñéndose finalmente o primeiro.

A cita volveu cumprir obxectivos, e ademais de fomentar a práctica de hábitos saudables, o deporte converteuse de novo nun magnífico reclamo para desfrutar do territorio.

Lea también

La ciudad departamental celebra la XVIII Bandeira de traiñeiras Cidade de Ferrol

El concejal de Deportes, Ricardo Aldrey presenta la XVIII Bandeira de traiñeiras Cidade de Ferrol, …