O Concello das Pontes levará a cabo nos próximos meses un conxunto de actuacións destinadas á mellora da seguridade viaria nos polígonos industriais dos Airíos e de Penapurreira, cun investimento total de 141.794,18 euros.

Estas intervencións executaranse ao abeiro das liñas de axuda da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, dirixidas á mellora e modernización das infraestruturas dos parques empresariais da comunidade autónoma.
A primeira actuación centrarase na pavimentación do viario 2 do polígono industrial dos Airíos, cunha lonxitude aproximada de 830 metros e unha superficie de intervención de 7.981 m².
O viario presenta na actualidade un estado de deterioro, con fochancas e deformacións derivadas do tráfico pesado, polo que se procederá á renovación da capa de rodaxe mediante aglomerado en quente, previa aplicación dun rego de imprimación.
Así mesmo, executarase o fresado dos bordos nos encontros co pavimento existente, co obxectivo de garantir unha correcta transición e a durabilidade da nova capa.
A segunda actuación abranguerá a reposición integral da sinalización horizontal nos polígonos dos Airíos e Penapurreira.
No polígono dos Airíos, renovarase a pintura de liñas, símbolos e cebreados, actualmente moi deteriorados ou inexistentes, afectando a máis de 9.800 metros lineais, 27 símbolos e 1.169,55 m² de superficies cebreadas.
De forma complementaria, no polígono de Penapurreira executarase a reposición completa da sinalización horizontal dos seus viais interiores, incluíndo liñas de eixes e bordos, pasos de peóns, símbolos e zonas cebreadas. Previamente realizarase unha limpeza das superficies e un replanteo técnico conforme ás indicacións da Policía Local.
Con estas actuacións, o Concello das Pontes reforza o seu compromiso coa mellora da seguridade viaria e coa modernización dos espazos industriais do municipio, favorecendo unhas condicións máis seguras e ordenadas para o tráfico e a actividade económica nos polígonos.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.