Feira literaria, charlas e presentación de novidades nas III Xornadas Literarias do Pote, Fene

Participan no encontro a gañadora do Premio Xerais 2025, Abril Camino, xunto cos tamén escritores Óscar Reboiras, Rober Cagiao, Rodrigo Costoya e Fran Alonso.
 
 
«Converter o noso Concello nun espazo de encontro arredor da cultura, da lectura e da creación literaria de autores e autoras galegas». Con este obxectivo naceron as Xornadas Literarias do Pote que organizan a concellería de Cultura do Concello de Fene xunto coa ACRD O Pote de Maniños e AETNA. A terceira edición deste encontro, que cada ano vai medrando e afianzándose, terá lugar este venres 12 de xuño, a partir das 18.00 horas, nunha carpa instalada a carón da entidade de Maniños.
 
Nesta terceira edición das xornadas, un dos principais atractivos será a presentación da obra gañadora do último Premio Xerais 2025, Mulleres que viven xuntas, a cargo da súa autora, Abril Camino. Pero ademais, nesta ocasión participarán no encontro: Óscar Reboiras (A agonía das folerpas) e Rober Cagiao (autor de Cadea de favores e A Dama de Amboto) para falar da novela negra na Galiza; Rodrigo Costoya (Fillos de Gael e O século do milagre) coas súas aventuras medievais e do Camiño de Santiago; e Fran Alonso (Cáncara), responsable de Edicións Xerais.
 
As persoas que asistan a estas III Xornadas Literarias do Pote tamén poderán visitar a feira literaria que se instalará a partir das 18.00 horas nos arredores do Pote, coa participación de autores e autoras de Ferrolterra e arredores. Feira organizada coa colaboración da Asociación Galega de Escritores e Escritoras (AGER) e de Imprenta Sanesteban. 
 

Lea también

Ares acoge este sábado 12 una jornada de degustación de productos de la ría de Ferrol

La atividad, organizada por la Cofradía de Pescadores de Ferrol, tendrá lugar de 12:00 a …