O evento cumprirá 35 anos neste 2026 e arrinca actividade da man da Sociedade Cultural Columba e da Asociación de Veciños de Esmelle.

Equiocio Ferrol inaugura nuns días a programación previa á edición máis especial, a do seu 35 aniversario, e farao cunha nova entrega do seu programa “En Ruta con Equiocio Ferrol” unha iniciativa coa que fomentar hábitos de vida saudables en plena natureza e coa que promocionar o territorio no que se desenvolve o evento.
Desta volta, a organización tira de rutas ensaiadas con éxito en edicións pasadas e formula tamén novidades. Así, presenta un calendario que arrinca o sábado 20 de xuño co itinerario “Xigantes na Volta ao Cabo”, econtinúa o sábado 4 de xullo coa “Ruta dos Muíños e Tralocastro”. A participación, aberta á veciñanza, será de balde, con inscrición previa a través do email secretaria@equiocio.es.
José Manuel Hermida, presidente da Sociedade Cultural Columba, será o encargado de guiar o primeiro percorrido. Trátase dunha ruta circular duns 10 quilómetros e dificultade media. Partirá ás 10:00 horas do Faro de Cabo Prior. Permitirá ás persoas participantes descubrir un enclave de importantísimo valor xeolóxico e ambiental que, no seu día, foi estratéxico desde o punto de vista militar.
A visita ás baterías de costa que hai na zona -na actualidade, en ruínas- permitirá descubrir o papel que xogaron, especialmente tras o inicio da Segunda Guerra Mundial, na defensa da base naval de Ferrol-A Coruña.
No camiño, farase parada tamén nas formacións rochosas da zona, con caprichosas formas que dan pé a todo tipo de interpretacións segundo quen as mire. Así, coincidindo coa presentación do programa, Equiocio Ferrol abre inscricións nesta primeira ruta, ata o xoves 18 de xuño.
NOVIDADES
Paulino Gasalla, vicepresidente da Asociación de Veciños Val de Esmelle, guiará a segunda ruta, con saída tamén ás 10:00 horas pero do local social de Esmelle. Circular, consta de 9 quilómetros de dificultade media-baixa (cun único punto de dificultade alta como é a subida ao castro -un treito en pendente de 55 m-).
O itinerario inclúe máis dunha vintena de antigos muíños, fontes e lavadoiros que, noutros tempos, formaban parte da vida cotiá dos habitantes da zona rural. Neste itinerario, haberá tamén tempo para facer unha parada no castro de Tralocastro ou castro de Esmelle, do 400 A.C., xacemento arqueolóxico moi ben conservado que, segundo se confirmaba nas últimas prospeccións, tratouse dun espazoarquitectónico de uso colectivo.
No programa poderán participar veciños maiores de idade, e menores sempre que vaian acompañados dunha persoa adulta. Así as cousas, os itinerarios propostos buscan pór en valor non só a beleza paisaxística da contorna máis próxima ao lugar de celebración de Equiocio Ferrol, senón tamén dar a coñecer unha parte do patrimonio histórico da zona, reivindicando o seu potencial turístico.
O certame volverá contar neste 2026 co Concello de Ferrol, a Deputación provincial da Coruña e a Xunta de Galicia, así como Gadis e Estrella Galicia como patrocinadores principais.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
