A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) manterá unha unidade móbil na cidade de Narón os días 26 e 27 de maio. O vehículo permanecerá operativo o martes a carón do centro de saúde, en horario de 9:00 a 14.30 e de 15.30 a 21:30 horas. O mércores estará operativa no mesmo horario, pero na rúa do Pintor Soutomaior no barrio da Gándara.

Dende ADOS lembran a importancia de manter hábitos axeitados antes de doar sangue. Así, recoméndase que as persoas que acudan pola mañá tomen o seu almorzo con normalidade, e que aquelas que o fagan pola tarde agarden dúas horas despois do xantar.
As persoas doantes deberán acreditarse coa tarxeta de doante, o DNI ou outro documento oficial de identificación, e informar ao persoal médico no caso de estar a seguir algún tratamento farmacolóxico.
O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo coa doazón de persoas solidarias que axudan a outras a recuperar a saúde. Grazas ás persoas que doan sangue, cada ano pódese axudar a preto de 31.000 persoas enfermas nos hospitais galegos.
ADOS anima a buscar 15 minutos para doar sangue e salvar vidas. Para máis información pódese contactar co teléfono gratuíto 900 100 828, visitar a web ados.sergas.gal ou as redes sociais de ADOS.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.