Caxoto Contacontos achega en Narón a Begoña Caamaño ao público infantil cun espectáculo

Dentro da programación das Letras Galegas, a Biblioteca municipal de Narón quere achegar a figura de Begoña Caamaño ao público máis novo a través da narración oral, o humor e a participación activa. A actividade desenvolverase este sábado 23 de maio ás 11:00 horas.
 
 
Trátase do espectáculo “Eu tampouco navegar”, a cargo de Caxoto Contacontos, unha das propostas máis recoñecidas de narración oral dirixida a público infantil en Galicia. A sesión propón unha viaxe pola palabra contada na que se revisitan mitos clásicos e historias tradicionais reinterpretadas desde unha ollada contemporánea, conectando coa obra e co pensamento de Caamaño.
 
A través de dinámicas participativas, humor e xogos narrativos, a actividade introduce tamén pequenas reflexións arredor da igualdade e da construción dos relatos, ao tempo que reivindica o valor da lingua galega como ferramenta de creación e imaxinación.
 
Caxoto Contacontos é o proxecto artístico do narrador e actor Avelino González, unha figura consolidada no ámbito da narración oral en Galicia. Cunha traxectoria extensa en bibliotecas, centros educativos e festivais, o seu traballo caracterízase pola capacidade de adaptar historias ao público infantil e familiar.
 
Esta actividade está dirixida a nenos a partir de 4 anos e será necesaria reserva previa de forma presencial ou a través do teléfono 981 382 173 en horario de apertura da biblioteca.

Lea también

A Deputación adxudica por 234.225 euros as obras que completarán a senda peonil da estrada de San Xiao, en Narón

A actuación dará continuidade ao itinerario peonil na DP-5401, que conecta o núcleo urbano co …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *