O partido comprométese a levar as demandas da comunidade educativa ao Parlamento galego.

Entre as deficiencias máis graves detectadas, Esquerda Unida sinala a presenza de amianto en mal estado. A degradación deste material provoca que as súas microfibras estean presentes no ambiente, sendo respiradas diariamente tanto polo alumnado como polo persoal docente e non docente do centro.
A esta preocupante problemática sanitaria súmanse importantes carencias de infraestrutura: Inexistencia de illamento térmico: O edificio padece humidades intensas e constantes. Sistema de calefacción obsoleto: A caldeira e os radiadores, que contan coa mesma antigüidade que o centro, son insuficientes e provocan un gasto enerxético ineficiente. Instalacións non aptas: Os aseos e o patio presentan un estado de conservación que incumpre as mínimas condicións de habitabilidade e a normativa vixente.
Desde Esquerda Unida de Narón fan fincapé en que, ao tratarse de obras de carácter estrutural, a competencia recae directamente sobre a Administración autonómica. A formación critica duramente a actitude da Xunta de Galicia, á que cualifica de “inoperante” ante unha cuestión de vital importancia para a mocidade de Narón.

Ante este escenario, Esquerda Unida de Narón ratifica o seu compromiso de esixir ao goberno galego e á Consellería competente a posta en marcha dun plan de reforma urxente, antepoñendo o benestar e a integridade física de toda a comunidade educativa do CEIP A Solaina.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.