A iniciativa terá lugar este venres ás 19:30 horas na casa da cultura.

O Concello de Valdoviño convértese este venres na última parada da campaña “Toponimízate” neste mes de maio. Con entrada libre e de balde, celébrase na casa da cultura, ás 19:30 horas. O proxecto da Secretaría Xeral da Lingua coa colaboración da Real Academia Galega pon o foco no valor cultural da toponimia galega e na necesidade de colaborar na súa recolleita a través da plataforma “Galicia Nomeada”.
Así, o coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo Ares, explicará a orixe e significado dos topónimos maiores -parroquias e aldeas- de Valdoviño, e tamén, abordará pormenorizadamente o uso da aplicación colaborativa “Galicia Nomeada” para que as persoas asistentes poidan aprender as seguintes cuestións: como darse de alta na aplicación, como engadir un topónimo, como gravar e subir un arquivo de son ou engadir unha fotografía…
Tamén coñecerán como enviar suxestións sobre a toponimia xa existente no visor e outras funcionalidades de “Galicia Nomeada”, tanto na súa versión web como na aplicación para dispositivos móbiles. A finalidade é que, tras a charla, as persoas asistentes poidan comezar a engadir os nomes das terras que coñecen en cada unha das súas aldeas ou parroquias.
Esta campaña informativa ten como obxectivo principal concienciar a cidadanía do risco que ten de perderse esta parte tan importante do noso patrimonio inmaterial de modo que se involucre na súa salvagarda.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.