Narón recibe escolares e docentes de Turquía no marco do programa Erasmus+

O Concello de Narón recibiu este mércores a visita dun grupo de sete estudantes de entre 13 e 14 anos e catro docentes procedentes de Konya, unha cidade de preto de 1,5 millóns de habitantes situada no interior de Turquía.
 
 
O grupo participa nun intercambio enmarcado no programa Erasmus+ KA2, dedicada á cooperación para a innovación e ao intercambio de boas prácticas e vencellado ao proxecto de educación viaria do municipio naronés. Os visitantes foron recibidos polo concelleiro de seguridade cidadá, José Oreona, que lles mostrou as dependencias da casa do concello.
 
O intercambio, que se estende ao longo dunha semana completa —chegaron o domingo e as actividades rematan o venres—, ten como eixo temático este ano o abandono escolar e a integración de diferentes culturas no ámbito educativo. O colexio de Piñeiros é o centro de referencia desta edición, onde o grupo turco participa nunha serie de actividades deseñadas conxuntamente polo profesorado de ambos os países.
 
A comunicación entre os participantes conta coa mediación dunha profesora do propio Piñeiros que exerce de intérprete. A iniciativa está impulsada polo departamento de educación viaria de Narón que puxo en marcha este proxecto de intercambio.
 
Pedro Caneiro, que durante anos formou tamén parte deste equipo e que continúa a colaborar activamente nel acompañando o alumnado, explica que o vínculo coa seguridade viaria é o fío condutor de todos os intercambios. O programa adoita recibir «como mínimo dous grupos cada ano», adaptando o colexio de acollida e as actividades ao tema concreto que cada grupo quere traballar.
 
O alumnado de intercambio participa ademais en actividades coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e realiza diferentes percorridos para coñecer os recursos e patrimonio de Narón e doutras localidades da comarca.

Lea también

A Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre, celebra a II Festa do Marisco

A Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre celebra os próximos 13 e 14 de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *