Nova edición da andaina solidaria contra o cancro en As Pontes

As Pontes celebrará o vindeiro 7 de xuño, ás 11:00 horas, unha nova edición da andaina solidaria “As Pontes en marcha contra o cancro”, unha iniciativa xa consolidada no municipio que combina actividade física, participación cidadá e compromiso social, organizada pola Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).

Foto Concello das Pontes de García Rodríguez- AECC

A actividade foi presentada na mañá deste lúns coa participación da concelleira de Igualdade, Tania Pardo, da concelleira de Deportes, Elena López, e da presidenta da Xunta Local da AECC nas Pontes, Loli Prieto, quen coincidiron en salientar a importancia desta convocatoria como ferramenta de sensibilización, apoio ás persoas afectadas pola enfermidade e impulso á investigación oncolóxica.

Durante a presentación, a concelleira de Igualdade, Tania Pardo, puxo en valor a continuidade deste tipo de iniciativas no municipio e destacou que “esta andaina se suma a outras actuacións impulsadas en materia de promoción da saúde e prevención, como o club de saúde ou o convenio de declaración de espazo sen fume na praia do lago e a súa contorna”, subliñando a colaboración entre o Concello e o tecido asociativo local como eixo fundamental destas accións.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Elena López, salientou o carácter aberto e participativo da proposta, sinalando que “é unha actividade accesible para toda a cidadanía que promove hábitos de vida saudables e reforza o papel do deporte como ferramenta de cohesión social e solidariedade”.

A presidenta da Xunta Local da AECC, Loli Prieto, agradeceu o apoio institucional e social recibido e expresou a súa confianza en acadar unha ampla participación, lembrando que “en edicións anteriores, mesmo con condicións meteorolóxicas adversas, superáronse as 200 inscricións, polo que agardamos superar esa cifra este ano e seguir medrando como comunidade solidaria”.

A andaina contará cun percorrido aproximado de 4,5 quilómetros polas rúas do núcleo urbano, cun itinerario circular con saída e chegada no Concello das Pontes. Trátase dunha actividade non competitiva e aberta a todas as idades, concibida como un espazo de encontro e convivencia arredor dunha causa común.

O obxectivo principal da convocatoria é a recadación de fondos destinados á investigación contra o cancro, así como o apoio integral a pacientes e familias, reforzando ao mesmo tempo a concienciación social sobre a importancia da prevención e da detección precoz. O prezo da inscrición é de 8 euros para persoas adultas e 5 euros para menores de 12 anos, incluíndo en ambos casos unha camiseta e un dorsal solidario como agasallo conmemorativo da iniciativa.

As inscricións poden formalizarse nos establecementos colaboradores Óptica Baamonde, Saavedra, Bar A Cepa, Urbo Moda, Amas de Casa, Mayge e La Mercería, así como a través da plataforma en liña enmarcha.contraelcancer.es, facilitando a participación de toda a veciñanza.

Desde o Concello das Pontes e a Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro, faise un chamamento á participación cidadá nesta xornada solidaria, que volverá converter a vila nun exemplo de implicación colectiva arredor dunha causa común.

A iniciativa busca mobilizar á veciñanza nun acto de apoio, sensibilización e compromiso social, reforzando o traballo conxunto na loita contra o cancro e no impulso á investigación.

Lea también

El conselleiro de Sanidade considera una «buenísima» noticia el aplazamiento de la huelga indefinida de médicos

El conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ha asegurado este jueves en un acto que …