Será este venres 29 de maio, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal.

O Ateneo Aldeán reúne en Valdoviño a catro ex alcaldes da comarca para falar da gobernanza dos servizos públicos. A cita celébrase este venres 29 de maio, na Biblioteca Municipal. Está aberta á cidadanía, con entrada libre ata completar aforo, e o colectivo presentaba a iniciativa xunto a Alberto González, alcalde de Valdoviño.
Juan Carlos Puentes Hermida, voceiro neste caso da comunidade, avanzaba a presenza na localidade de Xaime Bello (BNG), Jorge Suárez (Ferrol en Común) e Ángel Mato (PSOE), ex rexedores de Ferrol, e máis do tamén ex alcalde de Cabanas Germán Castrillón (PP).
Puente Hermida sinalaba que, con esta iniciativa, o Ateneo tenta “crear opinión crítica basada no coñecemento, fóra de polarizacións, alicerzada sempre na análise das fontes, coa finalidade clara de medrar como persoas e como comunidade”. Mostraba tamén a satisfacción da entidade pola participación de “catro alcaldes históricos da comarca que, amigablemente, responderán a preguntas e expresarán os seus modelos ideolóxicos e de valores na súa praxe política vivida e experimentada, nun exemplo de exercizo cívico de espallamento da cultura política responsable”.
Deste xeito, a cita convidará á reflexión crítica sobre valores éticos e cívicos, sociopolíticos e ideolóxicos, a cualificación técnico-política para unha gobernanza de calidade, o análise diferencial entre Administración Pública e Empresa Privada ou as carencias obxectivas de políticos na gobernanza dos servizos públicos, entre outros aspectos.
Todo, cun obxectivo: “sensibilizar á cidadanía arredor da importancia de coñecer e exercer os seus dereitos cívicos e a saber elixir e demandar calidade nos servizos públicos”.
SOBRE O ATENEO ALDEÁN
É unha comunidade de persoas integrada por funcionarios en activo ou xubilados, expertos en diferentes ámbitos que, dende hai 40 anos, traballan coas comunidades rurais tentando botarlles unha man sobre determinados temas e problemáticas. Non teñen redes nin socios ni local social nin cuotas, e sinalan que, cando hai un problema nunha comunidade rural, ofrecen directamente os seus servizos de forma completamente altruísta. Unha axuda que pode chegar en forma de redacción de proxectos, presentación de programas para subvencións ou asesoramento.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.