A Deputación e o Concello de Pontedeume celebran co Eume Deportivo os seus 75 anos de historia

O acto incluíu unha homenaxe aos socios e socias de maior antigüidade, como recoñecemento á súa fidelidade e ao seu papel na historia dun dos clubs máis veteranos da comarca.

Acto celebrado no campo de fútbol da Gándara, en Pontedeume- Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña acompañou este sábado á Sociedade Deportiva Eumesa, hoxe Eume Deportivo, na celebración do seu 75 aniversario, nun acto celebrado no campo de fútbol da Gándara, en Pontedeume, que reuniu á gran familia do club: directiva, xogadores e xogadoras, familias, socios e socias, afeccionados e persoas vinculadas á historia da entidade.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou na conmemoración xunto ao alcalde de Pontedeume e portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, nunha xornada de celebración dun aniversario moi especial para o deporte eumés e para o conxunto da vila.

Durante o acto, Formoso trasladou o recoñecemento da institución provincial a todas as persoas que fixeron posible a continuidade do club ao longo de sete décadas e media. “Setenta e cinco anos de historia son moitos anos. Detrás hai moitas persoas,  familias enteiras vencelladas ao club, socios que permaneceron fieis e varias xeracións que fixeron do Eume Deportivo unha parte importante da vida de Pontedeume”, destacou.

Fundada en 1951 como S.D. Eumesa, o club é unha das entidades deportivas máis veteranas da comarca. O club chega a este aniversario cunha base social sólida, con máis de 700 socios e socias, e cunha estrutura deportiva que supera as 200 licenzas, o que reflicte o seu peso no deporte de base e a súa capacidade para mobilizar á mocidade arredor do fútbol.

Formoso puxo en valor precisamente esa dimensión social dos clubs locais, “que cumpren unha función que vai moito máis alá da competición”.

O presidente incidiu tamén no compromiso da Deputación da Coruña co deporte local e co apoio aos clubs da provincia. A institución provincial destina este ano 8,1 millóns de euros á área de Deportes, dos que preto de 5 millóns corresponden a axudas dirixidas a máis de 550 clubs de diferentes disciplinas deportivas.

Foto de grupo, no campo de fútbol de Gándara. Deputación da Coruña

O alcalde, Bernardo Fernández, felicitou ao Eume Deportivo polos seus 75 anos de traxectoria e desexou que este aniversario sirva tamén para mirar ao futuro. “Hoxe celebramos todo o camiño percorrido dun club que forma parte da historia deportiva de Pontedeume, pero tamén o que queda por diante. Oxalá o Eume Deportivo siga medrando con forza, siga formando novas xeracións de futbolistas e chegue con forza ao seu centenario”, afirmou.

Tanto o presidente provincial como o alcalde de Pontedeume subliñaron o papel das familias, das directivas e da masa social na continuidade dunha entidade destas características. O acto incluíu ademais unha homenaxe aos socios e socias de maior antigüidade, como recoñecemento á súa fidelidade e ao seu papel na historia da entidade.

Lea también

Equiocio Ferrol impulsa la promoción de la Costa das Ondas con una nueva jornada de bautismos de surf en Esmelle

La playa de Esmelle acogió hace unos días una nueva edición de los bautismos de …