A actuación dará continuidade ao itinerario peonil na DP-5401, que conecta o núcleo urbano co Polígono de Río do Pozo.
A Deputación da Coruña vén adxudicar por 234.225,06 euros as obras de construción dun novo tramo de senda peonil na estrada provincial DP-5401 (estrada de San Xiao), no concello de Narón.
A intervención permitirá completar o itinerario peonil entre os puntos quilométricos 2+700 e 3+500, dando continuidade á senda xa executada entre os puntos 1+920 e 2+600. O proxecto contempla a execución dun camiño para peóns de dous metros de ancho na marxe dereita da vía, así como a instalación dun colector para a correcta drenaxe das augas pluviais.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que esta actuación responde ao compromiso do Goberno provincial de avanzar na mellora da seguridade viaria desta estrada, así como na humanización das estradas provinciais, especialmente naquelas contornas con presenza de vivendas.
A DP-5401 rexistra un elevado volume de tráfico debido á actividade empresarial do Polígono de Río do Pozo e ás vivendas situadas nas súas marxes. A nova senda permitirá crear un itinerario seguro e accesible para as veciñas e veciños da zona, así como para as persoas traballadoras que se desprazan diariamente ao polígono industrial, reducindo os riscos derivados da convivencia entre vehículos e peóns.
O prazo de execución das obras será de cinco meses.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
