Mil catrocentos escolares inundan Narón de galego no Correlingua 2026

Narón viviu este martes unha auténtica festa da lingua. Arredor de 1.400 alumnos de infantil e primaria procedentes de 14 centros educativos de Narón, Ferrol e Fene protagonizaron a celebración comarcal do Correlingua 2026, que tivo como epicentro o Pazo da Cultura e se estendeu ata as rúas anexas nun ambiente de participación e reivindicación colectivas.
 
Fuente Concello de Narón
A actriz Isabel Risco foi a encargada de conducir o acto no Pazo e dar lectura ao manifesto deste ano, que ten por lema “Co galego no corazón facemos revolución”, marcando o ton dunha xornada na que a lingua galega foi moito máis que un idioma: foi o fío condutor de todo o que aconteceu dentro e fóra do auditorio. O artista Paco Nogueiras foi o gran protagonista do espectáculo, cunha actuación que sacudiu o Pazo da Cultura de enerxía e conseguiu poñer en pé —e en marcha— a un auditorio entregado dende o primeiro momento.
 
Fuente Concello de Narón
 
Fuente Concello de Narón
A súa proposta, pensada para o público máis novo pero irresistible para calquera idade, converteu a celebración nunha experiencia festiva. Fóra do Pazo, o Correlingua deixou pegada nas rúas do municipio. A carreira-paseo percorreu un itinerario entre a rúa Ramón Cabanillas, a rúa Rafael Bárez e a rúa María Casares, nunha imaxe que resumiu o espírito do evento: centos de nenas e nenos levando o galego á rúa, con enerxía e ledicia. Ao evento asistiu a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, que agradeceu aos centros educativos, ao profesorado e a todas as entidades implicadas o traballo realizado, e reafirmou o compromiso do Concello de Narón coas políticas de normalización lingüística.
 
Tras o espectáculo tomou a palabra a secretaria comarcal da CIG Ensino Ferrol, unha das entidades organizadoras do Correlingua, antes da clausura a cargo da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro. A rexedora municipal subliñou o carácter reivindicativo da xornada: «O Correlingua non é só unha carreira, é unha reivindicación colectiva do dereito a medrar en galego, a vivir en galego e a sentirnos parte dunha cultura propia que nos identifica e une como pobo».
 
Fuente Concello de Narón
Ferreiro animou ao alumnado participante lembrándolles que «cada vez que falades galego estades mantendo vivo o legado de xeracións e abrindo o camiño para as que virán detrás». O Correlingua —iniciativa organizada pola CIG Ensino, a Mesa pola Normalización e a Asociación Socio-Pedagóxica galega— celebra cada ano en distintos municipios de Galicia a defensa do galego no eido educativo, convertendo a participación do alumnado no eixo central dunha xornada de defensa da lingua, cultura e festa.

Lea también

O Padroado abre o prazo de solicitude de instalacións deportivas de Narón para a próxima temporada

O Padroado de Deportes de Narón abre este luns, 18 de maio, o prazo para …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *