Betanzos, Nigrán e Lalín confirman a súa presenza no evento que recuperará o vindeiro 6 de xuño a tradición histórica das figuras en Neda.
Tras a presentación do evento na que se anunciou a recuperación desta tradición perdida na vila arredor dos anos 40, a Asociación Cultural Gastronómica e Deportiva Piruchela desvela os primeiros participantes que formarán parte deste encontro o vindeiro 6 de xuño.
Unha das grandes novidades desta primeira listaxe é a participación do Concello de Betanzos, que achegará ao encontro os seus históricos cabezudos. A tradición betanceira é unha das máis senlleiras de Galicia, destacando por figuras tan emblemáticas como o «Peluquín» ou o «Demo», que forman parte indispensable das súas festas patronais de San Roque e que agora visitarán Neda para esta cita cultural.
Xunto a eles, tamén confirmou a súa asistencia a Asociación Cultural As Angustias de Nigrán.
Esta agrupación, referente na conservación da arte popular no sur de Galicia, participará tanto cos seus cabezudos como cos seus xigantes, que bailarán polas rúas da vila contribuíndo á cor e á animación desta xornada histórica.
A listaxe complétase coa Asociación Cultural O Redondelo de Botos (Lalín). Esta entidade lalinense é recoñecida pola súa implicación na conservación do folclore local, contando cuns cabezudos que son protagonistas imprescindibles na animación das súas festas parroquiais.
No apartado musical, o encontro contará co acompañamento da Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene e a formación Vai Ranhala, Meu! de Narón, encargadas de marcar o ritmo tradicional necesario para o desfile.
Dende a organización do evento por parte da Asociación Piruchela sinalan que estas son só as primeiras confirmacións dunha listaxe que seguirá medrando nos vindeiros días coa incorporación de novas agrupacións galegas.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

