A Biblioteca da Área Sanitaria de Ferrol convocou un concurso de Microrrelatos e Poesía, nunha celebración conxunta do Día do Libro, 23 de abril, e o das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio. Estaba dirixido a todas as persoas que traballan ou traballaron no ámbito da Área , e organizado conxuntamante pola Biblioteca, a Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía e a Asociación Deportivo Cultural da Área Sanitaria de Ferrol (Adecasfe), que canaliza moitas das inquedanzas artísticas dos profesionais nas súas actividades habituais. Esta mañá, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, tiña lugar a entrega de galardóns ás persoa participantes.

Máis neste ano, no que se celebra o 50 aniversario do Hospital Arquitecto Marcide, engadíronse a este acto literario dous elementos especiais máis, a presenza do escritor Guillermo Llorca Freire, que relatou o proceso de documentación para a escritura da súa triloxía Cando estalou a noite, A noite decisiva e a Espía errante, ambientada no Ferrol dos anos 50; e a actuación da Coral da Área Sanitaria de Ferrol para pechar o acto. Guillermo Llorca ilustrou ós asistentes coas imaxes de Ferrol que asoman na triloxía e que lle axudaron na reconstrución histórica; ademais asinou os exemplares de todo aquel que o desexou, xa que o acto era público e aberto a profesionais e poboación ata completar o aforo.
Gañadores, finalistas e historia
Entre os 23 traballos presentados, os elixidos foron o de Soraya Casal Soto, en poesía, co poema Nordés; e o de María Begoña Hermida Parada, co Microrrelato, Conversa. Estableceuse un premio por cada unha das categorías, un lote de libros, entre os que se inclúe este ano a citada triloxía do autor invitado, Guillermo Llorca. Como indicaron dende a organización é a edición, a sexta, máis numerosa dende o inicio, e con moita calidade e empate de puntos, polo que nomearon dous finalistas en cada categoría Mónica Castro e Magdalena Suárez en Poesía; e Hortensia Álvarez e Pedro Manuel Beira, en Microrrelato.
Tal e como se recollía bases na Intranet e na web, podían participar tódolos profesionais que están a desenvolver ou desenvolveran a súa actividade en calquera dos centros de saúde, Puntos de Atención Continuada e centros hospitalarios do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Os traballos eran presentados baixo o sistema de plica, en sobre pechado con pseudónimo, indicando no seu exterior: Concurso polo Día das Bibliotecas e das Letras Galegas. As obras presentadas avaliáronse de acordo cos criterios de creatividade, mensaxe que aporta e orixinalidade; e o persoal da Biblioteca recollía os sobres remitidos.
Na súa intervención, e acompañado de imaxes, o escritos Guillermo Llorca, natural de Ferrol e con máis de 40 libros individuais e colectivos na súa traxectoria, paseou con letras e imaxes por momentos históricos de Ferrol. O estalo do polvorín de Caranza, os servizos británicos en Ferrol; os técnicos ingleses e escoceses que viñeron ó Naval ferrolá; e percorreu lugares a través de personaxes que estiveron no Hotel Suízo, no Casino Ferrolano ou nos tranvías con olor a bacallao. Rematou coa intervención dos estadounidenses nos tuneis da Graña, e recordando que Ferrol, xunto con Vigo, foi das cidades galegas con máis presenza de espías pola súa localización estratéxica. Como remataban dende a organización, un luxo “este reencontro co pasado”.
Participación de profesionais da Área
Lembrar que a Área Sanitaria de Ferrol conta cunha Biblioteca que ofrece asesoramento á investigación coas procuras bibliográficas para distintas cuestións, como traballos fin de grao, teses, publicacións ou sesións clínicas; e axuda no manexo de ferramentas que sirvan para apoiar o labor asistencial do profesional no seu traballo diario. Asesoran tamén na elaboración de revisións sistemáticas para coller datos de diversas bases. Orientan, por exemplo, na publicación de artigo ou en como funcionan as bases de datos, en cales son as máis axeitadas, e en que lles vai aportar esa ferramenta ó profesional, xa que depende da necesidade que teñan escoller unha ou outra.
Ademais da atención física, os profesionais acceden as 24 horas do día, os sete días da semana, a milleiros de contidos dende o portal Bibliosaúde e dende calquera punto de Galicia. Os primeiros fondos da biblioteca do Hospital Arquitecto Marcide datan do ano 1977, trala inauguración do hospital, no ano 1976. “Un grupo de médicos comezou a subscribir o que sería o núcleo da colección de publicacións periódicas do hospital con títulos tan significativos como Lancet ou New England Journal of Medicine”, recorda neste ano do 50 aniversario, Uxía Gutiérrez, a responsable e integrante máis veterana da Biblioteca actual.
A contratación dunha bibliotecaria chega en xuño de 1990, que pon en funcionamento a biblioteca médica, que ata entón tiña un pequeno local na 5ª andar dereito do centro hospitalario, cunhas mesas, cadeiras, algúns andeis e unha fotocopiadora. Cómprase o primeiro computador e subscríbese en CD-ROM a base de datos Medline. “A tecnoloxía do CD-ROM desbancará ós tomos do Index Medicus en papel neses anos”, continúa a explicar. Coa inauguración do centro de especialidades no ano 1993, a biblioteca trasladouse ó segundo andar do centro de especialidades. E, en decembro de 2003, comeza o traslado á localización actual no andar baixo. Actualmente, a localización segue sendo a mesma, e comparte espazo con Docencia, Formación e investigación que compoñen a Unidade de Soporte ó Coñecemento (USCO).

Pola súa banda, a Coral da Área Sanitaria realizou dúas pezas, o alalá de Muxía e a Cantiga de Camariñas, ademais da interpretación do Himno Galego. Esta Coral iniciou a súa andaina no Nadal do ano 2006, por unha iniciativa da profesional Concepción Baamonde. Está integrada na actualidade por ó redor de 20 membros de case tódalas categorías profesionais, a maior parte deles do ámbito sanitario, pero tamén se ten unido algún familiar dos compoñentes, e traballadoras ou traballadores que xa non están en activo. O grupo de voces está dirixido por David Martín. Este colectivo coral está aberto á participación e admite a colaboración dos compañeiros e compañeiras da área que teñan interese no canto. A súa estrea oficial ante o público foi no acto do Día das Letras Galegas do Complexo Hospitalario no ano 2007.
A Coral Polifónica da Área Sanitaria forma parte dunha peculiar Asociación, Adecasfe (Asociación Deportivo Cultural da Área Sanitaria de Ferrol), non moi habitual no resto das áreas sanitarias, e que remarca o carácter social e colectivo dos e das profesionais desta área, que se aglutinan en torno a actividades deportivas, culturais, e artísticas máis alá do eido laboral. Así, os e os profesionais da área ferrolá participan activamente en diversos ámbitos que humanizan o seu traballo diario.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.