Contacontos en Neda para achegar ao público infantil a obra de Begoña Caamaño, polo Día das Letras Galegas

Neda programa este sábado, a partir das 12 horas, na Biblioteca municipal o contacontos teatralizado “As letras que voan con nome de muller”. Trátase dunha proposta para o público infantil que rende tributo á xornalista e escritora Begoña Caamaño (Vigo, 1964 – Santiago, 2014), a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas, e ás autoras homenaxeadas en edicións anteriores.

Trémola Teatro

O espectáculo de Trémola Teatro, dirixido a nenos e nenas de máis de catro anos, busca dar a coñecer a figura da autora de “Morgana en Esmelle” e de “Circe ou o pracer do azul” que, segundo destaca a compañía, “escribía sobre mulleres fortes e soñadoras, vendo as palabras como chaves máxicas”. Ademais, o contacontos deterase nas seis escritoras ás que con anterioridade a Real Academia Galega rendeu tributo un 17 de maio.

Neste 2026, o Concello de Neda adheriuse á declaración institucional polo Día das Letras Galegas da FEGAMP. Un texto que pon en valor o “compromiso local, feminista e social” de Caamaño, e destaca que coas súas obras foi pioneira na reinterpretación feminista dos mitos.

Lea también

Cabanas refuerza su plantilla de Policía Local

El Concello de Cabanas incorpora nuevos auxiliares de policía local para reforzar el cuerpo durante …