O Concello das Pontes celebrará o sábado 13 de xuño de 2026 unha nova edición da Romaría das Merendas, unha das citas máis singulares do calendario festivo local, que volverá transformar a Fraga de Dona Rita nun gran espazo de encontro arredor da música tradicional, o baile, a gastronomía popular e a convivencia veciñal.
Baixo o lema “Velai vai outro baile”, o evento recupera o espírito das antigas romarías galegas cunha programación pensada para desfrutar durante toda a xornada e na que se anima ás persoas asistentes a acudir con indumentaria inspirada nos anos 50, contribuíndo así a recrear o ambiente festivo e tradicional da época.
A concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, sinala que “a Romaría das Merendas representa perfectamente o tipo de cultura que queremos impulsar desde o Concello: participativa, interxeracional, ligada ás nosas tradicións e capaz de converter un espazo natural nun lugar de encontro para toda a veciñanza”.
A edil destaca ademais que “esta cita non é só unha festa, senón tamén unha maneira de reivindicar a nosa identidade cultural e de manter vivas costumes populares que forman parte da memoria colectiva das Pontes e de Galicia”.
A programación arrancará ás 13:00 horas cunha exposición de coches antigos e coa sesión vermú, na que participarán a Escola Municipal das Pontes, No Cómbaro da Casa e Troula do Ortegal, enchendo a fraga de música tradicional e ambiente festivo desde o mediodía. Ás 15:00 horas abriranse as tradicionais merendas populares á veciñanza e romeiros.
Desde a organización lémbrase que non haberá postos de comida nin bebida, polo que cada grupo deberá levar o seu propio xantar, mantas, mesas, cadeiras e cestas para compartir a comida ao aire libre nun ambiente familiar e de convivencia.
“Nesta romaría queremos recuperar esa tradición tan nosa de xuntarnos arredor da comida, da música e da conversa, sen artificios, poñendo no centro o encontro entre as persoas e o valor das celebracións populares”, explica Lorena Tenreiro, quen tamén anima á veciñanza “a participar activamente, traer ganas de festa e facer da Fraga de Dona Rita un gran espazo compartido de alegría e tradición”.
A partir das 16:00 horas desenvolveranse xogos populares para a rapazada da man de Picariños e, media hora despois, celebrarase unç obradoiro de iniciación ao baile tradicional aberto a todos os públicos, pensado para achegar o folclore galego ás novas xeracións dun xeito participativo e divertido.
Entre as 18:00 e as 23:00 horas terá lugar a Foliada Estelar, un dos momentos centrais da xornada, que contará cun concurso de agarrados e coa participación de agrupacións chegadas de diferentes puntos de Galicia e doutros territorios. Nesta edición actuarán Aquí e Alá, de Outes Lousame; Trio Prata, de Ames e Teo; Os Charanghaitos, de Forcarei; As Ferriñas, do Vicedo; Os da Cochera, de Vigo; Gamelas e Anduriñas, de Espasante; e The Westering Sun, formación vinculada a Escocia e Galiza.
A concelleira de Cultura subliña que “a presenza de grupos de distintos lugares converte a Romaría das Merendas nun punto de encontro cultural e musical moi especial, no que tradición, intercambio e participación van da man”. A festa continuará posteriormente cunha foliada ibre e unha gran verbena popular aberta á participación espontánea de músicos, bailadores e público en xeral, prolongando ata a noite o espírito das foliadas tradicionais galegas.
A Romaría das Merendas está organizada polo Concello das Pontes coa colaboración do grupo local de musica tradicional No Cómbaro e enmárcase na aposta municipal pola promoción da cultura tradicional, a dinamización comunitaria e a recuperación de celebracións populares vinculadas á identidade cultural galega.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
