A Biblioteca municipal de Narón programa fotografía experimental e teatro social

A Biblioteca Municipal de Narón convértese en punto de encontro para as artes, con dúas propostas que abordan desde ángulos distintos a creación contemporánea: a exposición fotográfica “Tebasaki e sake morno”, de Carolina Martínez Rodríguez, e a presentación de “Non son modos”, a última obra de teatro de J. L. Graña Muíño.
 
 
Desde este próximo luns 18 e ata o 30 de maio, a sala multiusos da biblioteca acolle “Tebasaki e sake morno”, un proxecto fotográfico de Carolina Martínez Rodríguez (Narón) elaborado entre 2023 e 2025.
 
A mostra está composta por 24 pezas que mesturan fotografía con técnicas tradicionais xaponesas como o shibori e o gyotaku sobre soporte téxtil, presentadas en estruturas de bambú que evocan os noren da cultura xaponesa.
 
Un vídeo e un texto completan a mostra. O proxecto xira arredor do desexo como eixo temático, e foi construído a partir dun proceso de traballo en forma de diario: rexistros persoais que, tras un período de distancia e investigación, foron reorganizados ata conformar o discurso expositivo.
 
Para Martínez Rodríguez, a exposición representa ademais un punto de inflexión na súa traxectoria ao integrar novas técnicas e soportes. A autora subliña que presentar a obra nunha biblioteca pública responde á súa vontade de garantir un acceso aberto e universal á creación contemporánea.
 
A exposición pode visitarse de luns a venres de 17:00 a 20:00 horas e os sábados de 10:00 a 13:00 horas. A autora ofrecerá unha visita guiada o xoves 28 de maio ás 19:00 horas, na que o público poderá coñecer a obra da súa man. Para participar será necesario inscribirse previamente na biblioteca.
 
 
O mércores 20 de maio, ás 18:30 horas, a biblioteca acolle a presentación de “Non son modos”, a última obra de J. L. Graña Muíño, editada por Medulia Editorial. A peza é un texto teatral que reflexiona arredor das dificultades da convivencia, coa saúde mental como fío condutor e botando man dunha metáfora cromática para explorar a diversidade, os equilibrios nas relacións e os riscos de non recoñecer as propias limitacións.
 
O autor, nado en Cerdido (A Coruña) en 1955, conta cunha longa vinculación ao ensino e ao mundo escénico, con publicacións que abranguen narrativa, teatro e poesía.
 
No acto estará acompañado polo actor Brais Rey e a mestra Verónica Boutureira, e o acto incluirá a representación dunha escena da propia obra, o que permitirá ao público achegarse de forma directa ao texto antes do diálogo posterior. Ao remate, os asistentes poderán adquirir un exemplar.

Lea también

“Repunantas” abre as Letras en Narón cunha homenaxe ás voces femininas máis rebeldes da literatura galega

O Café Teatro do Pazo da Cultura converterase este xoves 14 de maio, no punto …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *